publicidade hoxe

A exposición “51 páxinas das nosas letras” en Celanova permanece aberta ata o domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanova
A-
A+

Os baixos da Casa do Concello de Celanova, onde actualmente se ubica unha sala polivalente no lugar que antigamente albergaba a biblioteca municipal, acolle durante esta semana a exposición “51 páxinas das nosas letras”, unha mostra producida polo Parlamento de Galicia en colaboración coa Real Academia Galega e coa Consellería de Cultura e Educación e na que se reproducen outras tantas medallas coas efixies dos 51 persoeiros recoñecidos dende 1963 no Día das Letras Galegas e que foron realizadas polo escultor Manuel Ferreiro seguindo uns deseños do debuxante Siro López.

A mostra foi aberta ó público o luns pola tarde e no acto de apertura estiveron presentes o alcalde de Celanova, José Luís Ferro, o Vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices e o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, así como o autor das medallas, Manuel Ferreiro.

José Luís Ferro destacou a íntima relación que Celanova ten co ámbito da literatura galega, non en van dous dos seus fillos, Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, están por dereito propio na mostra, alén de que o anterior presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín teña profundas raíces que o ligan vitalmente a esta terra, e polo tanto amosouse profundamente agradecido porque o Parlamento de Galicia decidira contar con Celanova como un dos puntos de parada desta mostra itinerante.

Pola súa parte, Miguel Santalices subliñou que a mostra ten unha clara vocación divulgativa, co fin de tratar de achegar “o universo das letras galegas dun xeito especial aos mozos e mozas, aos nenos e nenas nos que reside o noso futuro”, mentres que Rogelio Martínez indicou que a colaboración da Xunta de Galicia na mostra insírese no intento de “dar un paso máis no convencemento de que o Día das Letras Galegas posúe un valor extraordinario, centrado nun autor ou autora de prestixio, no que se reflicte o esencial do noso xeito de ver o mundo”.

A exposición foi inaugurada na sede do Parlamento de Galicia o pasado 2 de decembro e desde entón xa estivo na Coruña, Ferrol e O Carballiño, para chegar a Celanova estes días e continuar o seu periplo por outras moitas localidades galegas relacionadas cos persoeiros ós que algún ano lles foi dedicado o Día das Letras Galegas.

27 de marzo de 2014 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.