publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A ETAP de Bóveda estará finalizada no último trimestre deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóvedaLocal PortadaLugo
A-
A+
Raquel Arias na visita ás obras

Raquel Arias na visita ás obras

As obras de mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Bóveda avanzan a bo ritmo, seguindo os prazos establecidos e prevese que estea rematada no último trimestre do presente ano, segundo expuxeron hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez.

Os dous representantes autonómicos, xunto co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, realizaron hoxe unha visita á zona para revisar o avance dos traballos, que, segundo indicaron completou xa a primeira fase do proxecto e superou o 13% de execución. Neste momento estase a proceder ao soterramento de canalizacións.

Arias significou o “importante esforzo económico” que realiza a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI), a través de Augas de Galicia, que financia na súa totalidade esta obra de mellora en Bóveda, na que se invisten máis de 570.000 euros (573.594 euros).

Segundo o director de Augas de Galicia, esta obra é un exemplo “do compromiso por parte do Executivo galego coa mellora das dotacións de abastecemento e tratamento de augas dos concellos pequenos, que contan con menos recursos para acometer este tipo de obras”, que teñen por obxecto garantir un servizo de abastecemento “de calidade e en cantidade”.

Ao fío disto, a propia delegada territorial referiuse a que esta sensibilidade “ten boa proba na zona sur de Lugo”, onde este proxecto de mellora súmase “a proxectos recén rematados como a ETAP de Monforte, no que o Executivo galego investiu 2,5 millóns de euros, e as distintas obras que se desenvolveron en Pantón e Folgoso do Courel, que supuxeron un investimento de 1,2 millóns de euros”.

Detalles do proxecto

A actuación de mellora do sistema de abastecemento e ampliación, que está a desenvolver a empresa Aqualogy Medio Ambiente, suporá a mellora de todo o sistema de abastecemento de Bóveda, dende a captación ata a planta de potabilización.

Ademais de executar unha nova captación no río Viloria, que permitirá unha subministración de auga con calidade axeitada durante os períodos de proliferación de cianobacterias no encoro, esta auga será impulsada ata a potabilizadora mediante un bombeo con dúas bombas de 20 kw cada unha delas que serán instaladas no marco destas obras.

Na planta potabilizadora acometerase nos próximos meses unha terceira liña de tratamento de auga mediante filtración, co fin de incrementar a capacidade da planta dende 11 ata 17 litros/segundo.

Así mesmo, tal e como se recolle no proxecto, será necesario reparar e renovar diversos elementos da estación de tratamento, realizarase unha impermeabilización e selado dos depósitos, repararanse os contadores de distribución ás parroquias e mellorarase e ampliarase o edificio. Tamén se instalará un novo cadro xeral de planta que permitirá un adecuado control e funcionamento da planta; e automatizarase de modo que o seu manexo sexa máis sinxelo e seguro.

Deste modo, o departamento autonómico da resposta a unha importante necesidade deste concello, evitando coa actuación tanto os problemas que puideran xurdir polos episodios de proliferación de algas no encoro de Vilasouto como as necesidades de subministración de auga dos habitantes de Bóveda, e dos usos gandeiros e empresariais neste concello.

28 de marzo de 2014 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.