publicidade hoxe

A Deputación de Lugo contrata novas obras en Láncara por 400.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLáncaraLugo
A-
A+

A Xunta de Goberno aprobou este venres a contratación de novas obras de mellora na LU-P-2703, da Pobra de San Xiao a Carracedo, no Concello de Láncara, por máis de 400.00 euros (408.600 euros). Trátanse dunhas actuacións financiadas na súa totalidade pola Deputación, pois están incluídas nas obras provinciais do POS, un plan para o que o Goberno Central suprimiu a súa achega. “Antes o Estado aportaba o 50% do custe destes traballos. Rajoy recortouno a cero euros”, lembrou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez.

Estes traballos consisten na mellora de case 4 quilómetros, concretamente, dende o punto quilométrico 2,300 ó 6, nos que se levarán a cabo os seguintes traballos: aglomerado en quente; ensanche da vía, pasando dos 4 metros ós 6; eliminación de curvas perigosas; sinalización vertical e horizontal; e colocación de biondas e ollos de gato.

Anteriormente, a Deputación mellorou outro treito desta vial, exactamente, o que discorre dende o quilómetro cero ó 2,300, achegando para elo outros 300.000 euros de fondos propios. Deste xeito, coas obras que se contrataron hoxe, a institución mellorará en total máis de 6 quilómetros da estrada da Pobra de San Xiao a Carracedo, que é o principal acceso dos núcleos destas zona cara Láncara, con máis de 700.000 euros.

Novas bolsas de emprego

A sesión resolveu as dúas novas bolsas de emprego nos sectores da cantería e carpintería que ofrece a Deputación dende o Centro de Artesanía e Deseño. 20 persoas, todas elas lucenses menores de 40 anos no paro, optaron a esta nova liña de emprego da institución. Os beneficiados recibirán formación da man dos profesionais do CENTRAD durante 6 meses e unha remuneración mensual superior ós 1.000 euros

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou as contas xustificativas de 14 obras de mellora de dotacións públicas municipais, dotadas de 112.500 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación. Os 12 Concellos beneficiados destas actuacións, “ós que aforramos cartos”, son os seguintes: Burela, Cervantes, Foz, O Incio, Negueira de Muñiz, As Nogais, A Pastoriza, A Pobra do Brollón, Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada e Xermade.

21 de marzo de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.