publicidade hoxe

24 persoas participan no obradoiro de emprego de “Xallas, Barcala e Dubra 2”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaVal do Dubra
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao obradoiro de emprego

Beatriz Mato na visita ao obradoiro de emprego

Un total de 24 alumnos en situación de desemprego están a participar no obradoiro de emprego “Xallas, Barcala, Dubra 2”, que desenvolven en colaboración os concellos de A Baña, Val do Dubra, Santa Comba e Negreira.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe esta iniciativa mixta de formación e emprego, na que o departamento autonómico está a investir preto de 250.000 euros.

Os participantes estanse a formar en dúas especialidades: control e protección do medio natural; e dinamización de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil. Cada unha das áreas conta con 12 alumnos.

O obradoiro vaise prolongar ata finais do próximo mes de abril e ofrece numerosas vantaxes. A primeira de todas elas, é que os alumnos poden acceder a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, ofrécelles unha formación teórica e práctica de calidade. Ademais, os obradoiros levan aparellada a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade.

En concreto, este programa mixto vai posibilitar a recuperación hidráulico-ambiental das ribeiras de catro ríos que pasan por estes concellos: o Barcala, o Albariña, o Donas, e o Rego do Porto-Novo.

Mato salientou que este obradoiro é tamén un exemplo de cooperación entre concellos, pois agrupa os esforzos destes catro municipios o que permite acadar a “máxima eficacia e eficiencia dos investimentos públicos”.

A conselleira lembrou tamén que o Goberno galego mantén unha firma aposta por estes programa mixtos de formación e emprego. Actualmente, hai en marcha en Galicia 50 obradoiros, grazas a un investimento de máis de 9,5 millóns de euros. Na provincia da Coruña, están funcionando un total de 17, con 370 alumnos, e un orzamento de 3,3 millóns de euros.

O departamento autonómico xa publicou en xaneiro a convocatoria dos obradoiros para este ano. Contarán cunha dotación de 10,2 millóns de euros, cos que está previsto poñer en marcha outros 50 obradoiros.

10 de marzo de 2014 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.