publicidade hoxe

Traballo inviste 200.000 euros no desenvolvemento dun obradoiro de emprego con 22 alumnos en Vimianzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaVimianzoZas
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar destinou preto de 200.000 euros ao desenvolvemento do obradoiro de emprego ‘Terra de Soneira 2013-2014’ que desenvolven en colaboración os concellos de Vimianzo e Zas, e que conta con 22 alumnos.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron hoxe este obradoiro. A directora explicou que esta iniciativa ofrece numerosas vantaxes aos seus alumnos. En primeiro lugar, o máis importante é que lles permite acceder a un posto de traballo. Simultaneamente, ofrécelles unha formación teórica e práctica de calidade, e, ademais, leva aparellada a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade.

Nesta ocasión, os alumnos realizarán topoguías e folletos sobre recursos naturais e patrimoniais, rutas guiadas pola comarca e para colectivos singulares, webs municipais, crearán o portal da asociación ‘Na Nube’ e o patrimonio natural e cultural da zona en Internet.

Así mesmo, Díaz indicou que o obradoiro é exemplo de cooperación entre concellos, pois agrupa os esforzos de dous municipios das comarcas de Soneira “na procura da máxima eficacia e eficiencia dos investimentos públicos”.

Actualmente hai en marcha un total de 50 obradoiros por toda Galicia, cun investimento de máis de 9,5 millóns de euros e preto de 1.300 beneficiarios. Na provincia da Coruña, os obradoiros en marcha son 17, con 370 alumnos e un investimento de preto de 3,3 millóns de euros.

Así mesmo, a principios de xaneiro publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde que regulará estes programas mixtos en 2014, que contará cunha dotación de 10,2 millóns de euros, cos está previsto pór en marcha 50 novos obradoiros.

6 de febreiro de 2014 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.