publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Santiago acolle por primeira vez un acto de exaltación dos entroidos tradicionais de Galicia

Os Entroidos dos Xenerais do Ulla, de Cobres en Vilaboa, de Lourenzá, da Pobra de Brollón, de Xinzo de Limia, de Manzaneda, de Maceda e mais de Verín, Laza, Viana do Bolo, Cualedro, Riós e Vilariño de Conso protagonizaron actuacións no escenario instalado na Praza do Obradoiro.

>>>>>>>>>>

As rúas da zona vella de Compostela e a praza do Obradoiro acolleron esta mañá as actuacións que forman parte do acto de exaltación dos Entroidos tradicionais de Galicia, promovido por Turismo de Galicia e que, por primeira vez, reuniu na Praza do Obradoiro unha variada mostra das personaxes máis emblemáticas do carnaval en Galicia.

Os Entroidos dos Xenerais da Ulla –dos concellos de Boqueixón, Teo, Touro, Santiago de Compostela, Vedra, Vila de Cruces, Silleda e A Estrada- e mais os de Cobres, en Vilaboa; de Lourenzá e a Pobra de Brollón, en Lugo; de Xinzo, Manzaneda e Maceda, en Ourense; e mais os encadrados en Portas de Galicia, Verín, Laza, Viana do Bolo, Cualedro, Riós e Vilariño de Conso actuaron na capital galega amosando a singularidade das súas vestimentas e das súas actuacións.

A mostra dos entroidos galegos contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Turismo de Galicia promoveu esta xornada de exaltación destes festexos tradicionais da comunidade para facelos visibles e convidar a descubrilos. Así o explicou en declaracións aos medios a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, quen incidiu no feito de que “o acto de exaltación persegue a difusión da gran riqueza cultural e etnográfica das comarcas e vilas galegas, ao tempo que se dinamiza culturalmente a cidade de Santiago con esta iniciativa que pretende ser unha gran mostra da potencialidade cultural do destino”.

Efecto dinamizador e desestacionalizador

Nava Castro resaltou tamén que “ademais da súa potencialidade de cohesión, da súa capacidade de confraternización e do seu efecto conservador do patrimonio inmaterial, o Entroido exerce un potente efecto dinamizador económico das comarcas nas que se celebra”. Ademais indicou que o Entroido pode exercer un potente efecto de fidelización ao destino, porque se converte “nunha cita anual que convida ao descubrimento dos recursos gastronómicos, culturais e paisaxísticos dun territorio ou ben nunha magnífica actividade complementaria para unha estadía en Galicia”.

Segundo comentou, o efecto desestacionalizador deste tipo de celebracións populares, potenciado pola singularidade das mesmas, “é moi forte dado que implica a ampliación da oferta turística, a posibilidade de disfrutar dunha gastronomía característica desta época do ano e a posta en valor do territorio dende outra perspectiva, potenciando actividades como o turismo activo, o enoturismo ou o turismo cultural e urbano”.

Medios especializados para a cobertura do acto

Ademais da acción a público final, o acto contou coa presenza de xornalistas de medios especializados e mais de bloggers que publicarán reportaxes, posts e traballos sobre as diferentes manifestacións do Entroido nas que estarán presentes, co obxecto de converter esta manifestación cultural nun gran atractivo para os viaxeiros que se acheguen a coñecer Galicia.

Os entroidos constitúen unha das manifestacións populares máis importantes do inverno en Galicia. Forman parte dunha festa que é case universal pero que ten elementos únicos que a dotan de gran valor etnográfico.

Sete entroidos galegos exhiben a calificación oficial de Festa de Interese Turístico pero máis de 175 municipios de Galicia declararon festivo o luns ou o martes de Entroido ou o mércores de cinza. Os entroidos galegos con declaración de Festa de Interese Turístico Nacional son o de Xinzo de Limia, que conta coa distinción dende 1997 e o de Verín, recoñecido no 2000. Os entroidos con declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia son o de Viana do Bolo, cuxa Festa da Androlla e do Entroido ten declaración dende o ano 1999, e mais o Entroido de Laza, distinguido no ano 2000. De igual modo, o Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda é de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2008. E Carnaval de Cobres, en Vilaboa ten a distinción dende 1999.

O último dos Entroidos en conseguir a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia foi o Entroido dos Xenerais da Ulla, que se celebra nos concellos de Boqueixón, Teo, Touro, Vedra, Santiago de Compostela, Vila de Cruces, Silleda e A Estrada. Obtivo a declaración en 2013.

Outros entroidos teñen tamén unha gran tradición e raigame en vilas e cidades galegas e que se recollen tamén nun folleto editado por Turismo de Galicia para a promoción deste recurso patrimonial da comunidade. Así, o domingo de Piñata de Vilanova de Lourenzá; o Entroido de Chantada ou Entroido Ribeirao cos Volantes ; o Entroido de Pontevedra, co seu personaxe do loro Ravachol; o Oso de Salcedo, na Pobra do Brollón; o Entroido de Maceda, cos personaxes dos ‘felos’;a Voda da Pita en Eiroás-Cuideiro, en Ourense; as Bonitas de Sande-Cartelle, tamén en Ourense; os Boteiros de Vilariño de Conso; os Vellaróns de Castrelo da Cima, en Riós; Os Vergalleiros de Sarreaus, son algúns dos entroidos que poden descubrirse se se visita Galicia durante os festexos.

9 de febreiro de 2014 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.