publicidade hoxe

Os clubes náuticos Rodeira de Cangas e Portosín recibiron por primeira vez un galardón na Feira Internacional de Turismo Fitur

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroCangasDeportesDeportes PortadaLocalO GrovePorto do SonRibadeoRiveiraSada
A-
A+

Os portos galegos suman xa nove distintivos Q de Calidade ás instalacións náutico recreativas que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). Con esta cifra, Galicia sitúase como líder nacional ao ostentar a metade dos 14 recoñecementos concedidos nesta categoría en toda España.

Os dous últimos galardóns recaeron nos clubes náuticos Rodeira, (Cangas) e Portosín (Porto do Son), que veñen de recibir os seus distintivos na Feira Internacional de Turismo Fitur, que se celebrou en Madrid. Estas dúas entidades súmanse ás sete que xa contaban coa Q, os clubes náuticos Portonovo, Sada, Ribeira, Ría de Ares, Cabo de Cruz (Boiro), Pedras Negras (O Grove) e Ribadeo, que ven así certificada a súa calidade na prestación dos servizos.

Todos os clubes merecedores da Q de Calidade pertencen á Asociación de Clubes Náuticos de Galicia, Asnauga, que impulsou a obtención destas certificacións coa colaboración de Portos de Galicia. O presidente do ente público, José Juan Durán, trasladou aos clubes a súa felicitación polo traballo realizado para a consecución deste galardón. Esta norma de calidade, pioneira no ámbito específico das instalacións náutico recreativas, establece uns requisitos que definen o nivel de servizo ao cliente, incrementando o valor engadido da propia instalación e impulsando o seu atractivo turístico.

As recentes certificacións de calidade na prestación de servizos dos portos galegos únense ao recoñecemento ambiental que recibiu a Comunidade autónoma o pasado verán ao ser galardoada con 17 Bandeiras Azuis aos peiraos do litoral galego. Ademais, Portos de Galicia dispón tamén da certificación ambiental europea EMAS aos peiraos da Zona Norte, entre Ribadeo e Ares.

2 de febreiro de 2014 | 20:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.