publicidade hoxe

O hórreo de Navia será rehabilitado para acoller un Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera dos Ancares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoNavia de Suarna
A-
A+

A Deputación rehabilitará o hórreo situado á carón da Ponte Vella, no Concello de Navia de Suarna, para convertelo nun Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera dos Ancares. Trátase dunha intervención moi demandada polos veciños que será integramente asumida polo organismo provincial.

A institución luguesa remitiu a primeiros do mes de febreiro a solicitude de actuación ás entidades pertinentes, entre elas a Confederación Hidrográfica do Cantábrico, para comezar as obras en canto se reciban os permisos necesarios.

Os traballos, que contarán cun orzamento de 50.000 euros e un prazo de execución de 4 meses, consistirán no arranxo da estrutura da madeira que conforma o habitáculo, na substitución da cuberta de lousa e na suxeición e protección dos elementos de pedra. Deste xeito, acondicionarase o espazo para o seu uso público pero mantendo as características tradicionais do edificio, permitindo situar no lugar un Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. As instalacións dotaranse de electricidade e no seu interior colocarase unha pantalla e numeroso material informativo audiovisual e gráfico para divulgar a riqueza medioambiental deste territorio entre os visitantes da vila.

Valor patrimonial

O hórreo de Navia forma parte dun espectacular conxunto de gran beleza e valor patrimonial situado na vila da Pobra de Navia e conformado pola Ponte Vella, o hórreo e o castelo. Existe documentación que lle outorga máis de 200 anos de antigüidade e mantén a estrutura tradicional dos hórreos da zona pero coa peculiaridade de contar cuns altísimos piares de pedra que o elevan máis de 5 metros sobre o río Navia.

28 de febreiro de 2014 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.