publicidade hoxe

O Concello de Vilar de Santos aproba o orzamento para o 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilar de Santos
A-
A+

Quedou definitivamente aprobado o orzamento do Concello de Vilar de Santos para o ano 2014 que ascende a 750.000 euros.

En cifras, o gasto de persoal supón o 39% polo incremento da posta en marcha da nova Escola Infantil; os gastos correntes significan 190.934 euros, o 25% cunha diminución de máis de 9.000 euros respecto do ano 2013 logrados grazas ao control e racionalización do gasto.

Cumprimos cos principios de eficacia e eficiencia e estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira sobre todo pola inexistencia de débeda pública, de ningún plan de axuste e de débeda con provedores, ao tempo que reforzamos a inversión produtiva, destinando a investimentos 231.962 euros, o 31% do orzamento.

Nunha coxuntura como a actual, estes orzamentos van permitir reforzar a nosa aposta e continuar centrando os nosos esforzos no aproveitamento e posta en valor dos recursos e das capacidades locais para dotarnos de infraestruturas, equipamentos e garantir uns servizos públicos de calidade.

Son uns orzamentos realistas, equilibrados e axustados, que están priorizados para levar a cabo proxectos en varias áreas de actuación:

1- Dinamización da actividade económica e o emprego. Queremos consolidar as bases para facer de Vilar de Santos un espazo atractivo para investir e crear emprego.

O Concello prepara a venda dun novo lote de parcelas de solo industrial dispoñible que financiarán novas inversións. O prezo final fixado é de 20 euros/ m2, un prezo do solo industrial moi competitivo para a instalación de novas empresas e servizos no Parque Empresarial que xa conta con 200.000 m2ocupados e 21 empresas instaladas.

Nesta liña de dinamización da economía local demos un paso máis cunha liña de incentivos, modificando a Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras – o ICIO, establecendo unha bonificación do 80% a favor daqueles proxectos que sexan declarados de especial interese municipal por fomentar a creación de emprego.

Tamén, cos concellos de Allariz e A Bola, presentamos un proxecto conxunto con inversións para un Obradoiro de Emprego, co obxectivo de mellorar a cualificación e formación en materia ambiental dos desempregados dos tres municipios no marco da Reserva da Biosfera.

2- Aposta polos servizos sociais municipais, públicos e de calidade:

– co reforzamento e a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar para unha mellor atención á dependencia e a ampliación dos diversos programas xa en marcha, especialmente o de Envellecemento Activo

– Melloras no Centro de Atención de Persoas Maiores, onde atendemos a 19 persoas no Centro de Día e 6 máis na zona residencial da vivenda comunitaria

– Ampliación dos servizos da Escola Infantil posta en marcha no mes de setembro.

3- Constitución dun Fondo de Emerxencia Social Municipal, sobre todo para asumir o custe dos medicamentos de dispensación hospitalaria, dos veciños e veciñas en situación de emerxencia social e afectados con enfermidades crónicas. O Fondo tamén servirá para facer fronte a outras continxencias e para atender necesidades básicas e asistenciais co cal garantimos que “ningún veciño ou veciña nesta situación quedará sen atención e ao mesmo tempo poñemos de manifesto unha vez mais a nosa autonomía local, acudindo con solidariedade e equidade alí onde non está a Xunta e o Estado”.

4- Mellora das infraestruturas e equipamentos públicos:

– Continuar coas actuacións na Area de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos, con novas inversións para seguir ca recuperación da zona e crear actividade económica coa rehabilitación

– Proxecto de mellora na rede municipal de camiños agrícolas da concentración parcelaria nun total de 10 Km, e acondicionamento na zona de Rede Natura dun total de 6 Km mais de pistas e camiños agrícolas.

– mellora nos accesos á parroquia de Parada,

– melloras na rede de servizos no saneamento e abastecemento e

– continuar co Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética con novas actuacións na iluminación pública.

“As contas do concello son indicativas da boa xestión e da garantía e liquidez do concello e poñen de manifesto a nosa capacidade e solvencia, proporcionando seguridade económica e permiten afrontar o futuro sen ter que facer recortes nos servizos públicos esenciais, así como acometer os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello facendo fronte aos recortes das outras administracións con recursos propios e atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida para todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos”, di o alcalde, o nacionalista Xan Jardón. “Neles reflectimos o noso compromiso cunha xestión pública transparente, racional, eficiente e solvente co diñeiro público”.

3 de febreiro de 2014 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.