publicidade hoxe

O Concello de Val do Dubra mellora a vía que comunica Bembibre con Paramos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVal do Dubra
A-
A+

O Concello de Val do Dubra está inmerso no proxecto de mellora das súas estradas interiores. Estes días está a reparar a vía que une Bembibre, capital do Concello, con Paramos, localidade situada na estrada que comunica Portomouro e Santa Comba. Esta vía Bembibre-Bascuas-Paramos, dun total de cinco quilómetros, é moi utilizada polos veciños que se desprazan desde a capital do Concello de Val do Dubra até Santa Comba, A Baña ou Negreira.

Esta obra está incluída no Plan de Obras e Servizos 2013, que prevé un investimento en todo o municipio de 200.000 euros. Os proxectos están centrados, principalmente en traballos de reparación de fochancas, asfaltado, limpeza de cunetas e acondicionamento xeral das vías de comunicación do Concello de Val do Dubra. Na maioría dos casos tamén se contempla a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para a correcta drenaxe das vías. As obras comezaron a inicios de ano e desenvolveranse en infraestruturas viarias da maioría das parroquias de Val do Dubra.

O alcalde de Val do Dubra, Ramón Varela, destaca que estas actuacións pretenden mellorar a rede viaria do Concello de Val do Dubra para que os veciños poidan contar cunhas infraestruturas en condicións que axuden a dinamizar a economía do municipio.

24 de febreiro de 2014 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.