publicidade hoxe

O Concello de Mondariz aposta pola arte contemporánea con Arte Abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondariz
A-
A+

No marco do Festival Miradas de Mulleres 2014 de ámbito estatal que se desenvolverá o próximo mes de marzo, o Concello de Mondariz, propón como unha das sedes un gran acontecemento cultural, baixo o nome Arte Abastos. Exposicións individuais e colectivas temporais en distintos espazos públicos do municipio, foros de prestación, conferecias…serán parte dun ambicioso programa que representa para nós e nós un reto e unha gran oportunidade como organización.

A exposición colectiva estará localizada na praza de abastos de Mondariz. A praza é un dos lugares máis concorridos da vida cotiá de mondarizanos e mondarizanas ademais dun dos mellores exemplos da beleza arquitectónica do casco antigo. Nas prazas de abastos cabe todo, son e foron un crisol de produtos e de cousas. Porqué non tamén de ideas e de arte?

As propostas foron seleccionadas a través de concurso aberto para profesionais mulleres do mundo da arte (artistas de calquera disciplina incluíndo prácticas procedentes do deseño, comisarias, galeristas, xestoras, investigadoras).

O Concello de Mondariz busca potenciar a imaxe e o traballo das mulleres na arte, apoiándoas e difundindo o seu labor. É marzo en definitiva o mes dedicado exclusivamente ás mulleres que traballan por e para a arte. O mes das creadoras e xeradoras de arte.

Presentaron proposta un total de 46 artistas das que resultaron seleccionadas 27. A comunidade autónoma con maior representación foi Galicia pero contamos con artistas de Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía, País Vasco, Illas Baleares…e mesmo México, que tamén estará representado.

O xurado compuxérono o Concelleiro de Cultura do Concello de Mondariz, D. Xosé Manuel Espiñeira, a directora da revista Beis Magazine (revista de ámbito nacional especializada en arte contemporánea e con gran prestixio no panorama editorial español), Dª María da Igrexa Mata e o xornalista especializado en arte Emilio Martínez Conde, que dirixirá a sede Arte Abastos e que actualmente traballa gestioanando a comunicación do Concello de Mondariz.

Destacamos o éxito da convocatoria nesta que será a súa primeira edición.

As exposicións e resto de programación desenvolveranse nas seguintes datas:

Arte Abastos

Exposición colectiva e dous individuais

Inauguración domingo 2 de marzo de 2014 ás 12:30 horas na Praza de Abastos

Do 2 ao 30 de marzo

Praza de Abastos de Mondariz e Sala de exposicións e Salón de Actos do Centro Social.

Doutra banda, Arte Abastos contou con gran apoio da Deputación de Pontevedra, que como colaboradora fará posible a publicación dun catálogo que tamén será presentado o día 2 de marzo, data da inauguración.

Ademais, este venres 21, o Festival Miradas de Mulleres fará a presentación oficial do catálogo nacional no que tamén estará presente Arte Abastos. O lugar elixido será a feira de arte contemporánea Arco, Madrid e na que estará a representar ao Concello de Mondariz como director de sede Emilio Martínez Conde.

O Concello de Mondariz, é xunto co da Coruña, o único que participará en Galicia como sede, dun total de 28. Cabe destacar tamén contarán con programas enmarcados dentro do Festival institucións tan prestixiosas como a Universidade de Vigo, o CGAC, a Cidade da Cultura ou diferentes galerías de arte privadas e outras Funcións e Museos como Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

A nivel nacional destacan por pór só algún exemplo o Museo Reina Sofía de Madrid.

28 de febreiro de 2014 | 12:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.