publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nos últimos cinco anos Medio Rural destinou preto de 87 millóns de euros en axudas para plans de mellora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaMonterroso
A-
A+
Rosa Quintana na visita ás instalacións de Granxa Maruxa

Rosa Quintana na visita ás instalacións de Granxa Maruxa

A Consellería do Medio Rural e do Mar destinou, nos últimos cinco anos, preto de 87 millóns de euros en axudas para plans de mellora, permitindo avanzar na modernización e mellora das explotacións agrogandeiras galegas. Así o sinalou a titular deste departamento, Rosa Quintana, no transcurso dunha visita realizada esta mañá á Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Gocalvesa, ubicada no concello lugués de Monterroso.

Grazas á aposta do Goberno galego por revitalizar o sector agrogandeiro, un total de 3.442 galegos puideron beneficiarse destas axudas -cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER)- nos últimos cinco anos. Precisamente, a SAT Gocalvesa que hoxe coñeceu a conselleira foi beneficiaria en máis dunha ocasión desta tipo de axudas, sendo o montante total aprobado pola Consellería superior aos 300.000 euros. Esta sociedade agraria de transformación foi constituída no ano 2003 e está integrada por 6 socios. Actualmente conta cunha cabana gandeira de 345 animais bovinos e unha cota láctea asignada de 1.500 toneladas para o exercicio 2013/2014.

Rosa Quintana lembrou que este vindeiro sábado, 22 de febreiro, remata o prazo para solicitar estas axudas. Así, engadiu, a nova convocatoria de axudas para a modernización das explotacións agrarias, para a incorporación de mozos á actividade agraria e para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo saíu publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado día 22 de xaneiro.

Granxa Maruxa

Seguidamente, a conselleira tamén visitou as instalacións de Granxa Maruxa, explotación familiar de vacún de leite que se dedica á fabricación de galletas artesanais de nata ecolóxica. Rosa Quintana puido coñecer o proceso de elaboración deste produto, recoñecido cos premios ‘Alimentos de España a Mujeres Emprendedoras’ e ‘International Superior Taste & Quality Award’.

Esta explotación -totalmente ecolóxica- conta cunha superficie de pastos de 25 hectáreas, dando alimento a 46 animais bovinos. Do leite producido fabrican actualmente uns 2.000 quilos de galletas de nata ao mes, unha delicatessen que xa se exporta a mercados europeos.

19 de febreiro de 2014 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.