publicidade hoxe

Máis de 60 restaurantes participarán na primeira edición do Entroido Gastronómico dos Xenerais da Ulla

Presentación dos Entroidos Gastronómicos

Presentación dos Entroidos Gastronómicos

A concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis; o alcalde de Touro, Ignacio Codesido; o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero; o concelleiro de Turismo de Vedra, Manuel Costa; Carlos Martínez; o concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla; e o concelleiro de Comercio de Silleda, Luis Rodríguez Vázquez, presentaron no Pazo de Raxoi o primeiro Entroido Gastronómico dos Xenerais da Ulla, que se celebrará en máis de 60 restaurantes dos concellos nos que ten lugar esta festividade tradicional, que se remonta á primeira metade do século XIX e que neste ano estrea a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. Na presentación tamén estivo a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, quen colabora na organización do evento. O obxectivo de Entroido Gastronómico dos Xenerais da Ulla é complementar a oferta de ocio e tradición propia desta festividade, que terá lugar entre o 22 de febreiro e o 9 de marzo, cunha proposta gastronómica de temporada, de tal xeito que os veciños e os visitantes poidan vivir dun xeito integral o Entroido na zona da Ulla. Tamén con este obxectivo se ofertan por primeira vez uns paquetes gastronómicos de turismo rural, nos que se inclúen aloxamento e gastronomía, así como outras actividades para descubrir a comarca. Con todo isto preténdese seguir avanzando cara a consolidación de produto de desestacionalización de cara á temporada baixa e, en concreto, aos case 20 días que dura este Entroido.

O Entroido é por excelencia o tempo da carne, e nomeadamente do cocido galego, o prato máis típico destas datas na comarca da Ulla. Precisamente, o cocido galego é o prato estrela nos menús dos máis de 60 restaurantes que participan no primeiro Entroido Gastronómico dos Xenerais da Ulla. Na oferta gastronómica que se poderá degustar atópanse múltiples versións do cocido, dende a máis tradicional, incluído un “cocido medieval”, ata versións máis modernas como un “prensado de carne de cocido e chourizo envolto no seu repolo”. A lamprea é outra das exquisiteces de temporada desta zona que se pretende poñer en valor.

O Entroido Gastronómico dos Xenerais da Ulla está organizado conxuntamente polos concellos nos que ten lugar esta festividade: A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces, e inclúe tamén a establecementos de restauración de Padrón, no que tradicionalmente se celebraba tamén o Entroido Tradicional dos Xenerais da Ulla, aínda que non na actualidade. Todos estes concellos contan con restaurantes e casas de turismo rural participantes no programa, que se poden consultar en www.xeneraisdaulla.com. Esta iniciativa conta tamén coa participación de Turismo de Galicia, dentro da aposta que está a facer a Xunta de Galicia polo Entroido galego como elemento desestacionalizador do turismo en Galicia.

O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do s. XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Así os seus principais protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.

Dende o ano 2011 os concellos nos que se celebra o Entroido dos Xenerais da Ulla están traballando conxuntamente para promocionar este evento e convertelo nun atractivo turístico da zona. Neste tempo desenvolvéronse múltiples accións froito da colaboración entre os concellos e os veciños, que conseguiron que a Xunta declarase ao Entroido dos Xenerais da Ulla como Festa de Interese Turístico de Galicia, denominación que se estreará nesta edición.

Xunta de voceiros

Tras esta rolda de prensa e a preguntas dos xornalistas, Reyes Leis informou xunta de voceiros celebrada esta mañá, na que se informou aos voceiros dos grupos municipais sobre a información requirida pola Policía Xudicial a requirimento do Xulgado de Instrución nº 7 de Vigo na xornada do martes. Indicou que, nun exercicio de transparencia, os expedientes relativos aos contratos solicitados se publicaron na páxina web da Área de Urbanismo

19 de febreiro de 2014 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.