publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Máis de 50 efectivos participan en Foz na procura do mozo desaparecido por un golpe de mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozPortada dereitaSucesos
A-
A+
E.P.

Máis de cincuenta efectivos, entre Protección Civil, Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local, bombeiros e mergulladores de emerxencia de Cervo, así como outros medios de Salvamento Marítimo e da Xunta, tratan de localizar ao mozo de Foz de 15 anos, desaparecido por un golpe de mar na praia de Rapadoira, na zona do espigón, cando se achegou con outro amigo que logrou aferrarse a un farol.

O alcalde de Foz, Jorge Castiñeira, sobre esta “traxedia” sinalou que se está “cos máximos esforzos para tratar de localizar a Andrés” e así enumera que hai máis de cincuenta efectivos “traballando no efectivo terrestre”.

Respecto diso, indicou que colaboran “Protección Civil de Foz, bombeiros, a Garda Civil, a Policía Autonómica, Policía Local e os mergulladores de emerxencia de Cervo e os bombeiros de Barreiros”.

“Entre todos estamos a pór todos os medios para ver si entre as praias de Barreiros e Foz podemos localizar o corpo. Hai mesmo unha lancha neumática polo interior da ría. De momento os máximos esforzos en buscar a Andrés. Nunca perdemos a esperanza, aínda que pasou unha noite e non vai ser fácil”, manifestou.

Foi o domingo pola tarde cando “estes dous mozos decidiron achegarse o máximo ao mar, de achegarse ao faro e veu unha onda de máis de catro metros e levounos, aínda que o máis novo quedou aferrado a un farol, pero Andrés non o puido facer”, relatou Castiñeira.

Este luns o mar está en “calma”, segundo comentou o alcalde focense, que engadiu que “houbo unha noite de moito vento”. “O mar está cheo pero agora está calmo”, abundou.

Ademais, mostrou o seu asombro porque “o mar cambie en menos de dez horas, con ondas onte (domingo) de catro e cinco metros”. “O peor agora é a brisa, que amainou tamén algo”, matizou.

Jorge Castiñeira apela a que “son mareas moi altas, moi grandes e mareas así con temporal que fai sufrir á costa, que a costa está moi danada, con desprendementos”. “Pido á xente máxima prudencia”, concluíu.

3 de febreiro de 2014 | 11:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.