publicidade hoxe

Exaltación da gastronomía lucense coa festa da Androlla, en Navia de Suarna, e de Expogrelo, en Abadín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbadínCalendarioLugoNavia de Suarna
A-
A+
Presentación dos eventos gastronómicos da fin de semana

Presentación dos eventos gastronómicos da fin de semana

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este mércores, acompañada polo Delegado de Cultura, Mario Outeiro, e José Fernández e José María López, Alcaldes de Navia de Suarna e Abadín, respectivamente, as citas gastronómicas desta fin de semana na provincia: a XXIV Festa da Androlla de Navia de Suarna e IX Expogrelo de Abadín.

Durante o acto de presentación, Regina Polín recalcou o compromiso da Deputación con citas de exaltación dos produtos autóctonos de calidade, como a androlla e o grelo, para dalos a coñecer, poñelos en valor e impulsar a economía da provincia. A Deputada salientou que a industria e comercialización destes produtos dan traballo a preto de 300 persoas na provincia, aumentando considerablemente as vendas nos últimos anos grazas a medidas de potenciación como estas citas. Regina Polín recomendou acudir ás citas, para coñecer o produto, que “ademais non se fan competencia, pois coinciden unha o sábado e outra o domingo”, destacou.

Mario Outeiro salientou a importancia destas citas, que conseguen poñer ás localidades que as acollen no mapa turístico galego. Pola súa banda, José Fernández e José María López Rancaño agradeceron a colaboración da Deputación e animaron á xente a participar nestes eventos para que manteñan a elevada afluencia de visitantes que rexistran todos os anos.
Tras as intervencións, participantes e público puideron degustar, de xeito completamente gratuíto, diferentes pratos elaborados con estes produtos de calidade.

IX Expogrelo de Abadín

Unha vintena de produtores poñerán á venda o 1 de marzo, no recinto feiral de Gontán, ó redor de 2.000 quilos de grelos, produto que conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP). O seu cultivo é tradicional en toda a Terra Chá, onde hai máis de 200 produtores que comercializan 400.000 quilos deste vexetal ó ano, dando emprego a 250 persoas na Comarca. Nos últimos 7 anos as ventas deste produto, que inicialmente só se consumía en Galicia, aumentaron un 40% grazas a iniciativas coma esta cita, que dá a coñecer as súas posibilidades gastronómicas entre consumidores e cociñeiros, potenciando o seu emprego para a elaboración tanto de pratos tradicionais como de vangarda. O programa para este sábado inclúe a apertura das portas do recinto ás 10:00 horas, degustación a partir das 12:30 horas e a entrega dos premios ás mellores cestas ás 14:00 horas. Durante todo o día poderase degustar pratos elaborados con grelos nos locais hostaleiros que colaboran coa cita e mercar produtos elaborados con este ingrediente.

XXVIII Festa da Androlla

O Concello de Navia de Suarna acolle o domingo, 2 de marzo, unha nova edición da Festa da Androlla, na que se poñerán á venda 5 toneladas deste produto a prezos entre os 7 e os 10 euros. Na Praza da Vila situaranse 30 expositores, entre os que se inclúen 4 produtores de Androlla da Comarca, e outros postos gastronómicos -derivados do porco, doces, pan ou licores- e de artesanía. A cita contará, como en anteriores ocasións, cunha degustación gratuíta na que se ofrecerán 300 quilos deste produto acompañados de pan e rosca da zona e que se celebrará ás 13:00 horas. Toda a xornada estará amenizada por grupos musicais tradicionais. A industria cárnica da zona fortaleceuse en torno a esta feira, a máis antiga da Comarca, que conseguiu o recoñecemento do consumidor e o aumento das vendas nos últimos anos. Actualmente, as empresas da zona facturan preto de 400.000 euros en produtos cárnicos feitos artesanalmente, que son distribuídos por toda España.

Aposta pola calidade

A Deputación aposta polos produtos autóctonos de calidade e impulsa citas gastronómicas como as deste fin de semana, promocionando as cualidades do produto entre os consumidores, aumentando as vendas e asegurando os postos de traballo nestas industrias, que permanecen no rural, contribuíndo a fixar poboación. Ademais das achegas económicas para a organización destas citas por toda a provincia, a entidade luguesa desenvolve iniciativas gratuítas que melloran a comercialización destes produtos como a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com.

26 de febreiro de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.