publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Do Campo destaca a puxanza dos produtos ecolóxicos na visita á granxa A Casa Grande de Xanceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMesía
A-
A+
Belén do Campo na visita a Mesía

Belén do Campo na visita a Mesía

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá a empresa A Casa Grande de Xanceda, acompañada polo alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, e o xefe territorial do Medio Rural e do Mar, Antonio Aguión, co obxectivo de coñecer de primeira man a súa actividade. No encontro cos responsables da firma, a máxima representante do Goberno galego na Coruña destacou a puxanza dos produtos ecolóxicos, non só na nosa provincia senón tamén no resto de Galicia, cun mercado cada vez máis amplo e estable.

Do Campo recordou que o crecemento do sector ecolóxico permite contar cunha produción que aposta por alimentos de máxima calidade, “pero baixo criterios de respecto ao medio ambiente, a través da utilización óptima dos recursos e do rexeitamento aos produtos químicos de síntese”. “Desde a Xunta de Galicia somos conscientes da necesidade de seguir apostando por este tipo de actividade agraria e gandeira e, en especial, protexela e garantila, pois trátase dun sector cunha crecente demanda polo valor dos seus produtos”, engadiu.

Neste senso, a delegada territorial sinalou que A Casa Grande de Xanceda é unha das beneficiarias das axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar dirixidas a firmas dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestas. No caso da granxa de Mesía, a subvención vinculouse á valorización da produción do leite.

Na última convocatoria, esta explotación vén de recibir unha achega de 18.692 euros, se ben desde a súa creación o departamento autonómico destinou máis de 425.000 euros á súa mellora a través de axudas para a instalación do obradoiro, a ampliación das dependencias e novos equipamentos tecnolóxicos. Trátase de subvencións cofinanciadas con fondos europeos Feader, que na provincia da Coruña sumaron este ano preto de 5 millóns de euros repartidos entre 33 empresas dos sectores agrario e forestal.

A Casa Grande Xanceda representa unha clara aposta polas producións agrarias galegas e a súa posta en valor mediante os métodos ecolóxicos e a transformación propia de parte da produción láctea, elaborando leite pasteurizada, iogures cremosos e bebibles e queixo.

A produción base de leite susténtase nunha finca de 200 hectáreas que conta con máis de 350 vacas. No conxunto da instalación traballan 22 persoas. As instalacións de transformación de leite foron medrando a partir dun obradoiro artesanal de elaboración de iogures sobre o que se foron engadindo máis construcións e equipos para ampliar e poder abarcar o leite pasteurizado e os iogures bebibles.

27 de febreiro de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.