publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Dezaoito xornalistas e bloggers descubrirán os atractivos de Área Santiago e o Entroido dos Xenerais da Ulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA EstradaAmesArzúaBoqueixónBriónLalínLocal PortadaMelideO PinoOrosoPadrónPontevedraRoisSantiago de CompostelaSilledaTouroTrazoVal do DubraVedraVila de Cruces
A-
A+

Área Santiago, en colaboración con Turismo de Galicia, organiza unha viaxe de xornalistas e bloggers de turismo que ten un dobre obxectivo: dar a coñecer os atractivos de Área Santiago e promocionar o Entroido dos Xenerais da Ulla, que este ano estrea a súa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia e que se celebra en sete concellos que pertencen a Área Santiago. Nesta visita, que terá lugar este sábado, 8 de febreiro, participan 18 profesionais, entre xornalistas e bloggers do sector turístico. O grupo está conformado por nove medios galegos, sete do resto de España, un de Portugal, e o responsable dun blog escrito en Galicia pero dirixido ao público xaponés no seu propio idioma.

A acción comezará no Museo do Pobo Galego, onde terá lugar unha visita guiada á exposición Xenerais da Ulla, que se inaugurou o 18 de xaneiro e que se poderá visitar ata o 9 de marzo. A continuación desprazaranse ao Pazo do Faramello, no Concello de Rois, onde coñecerán este pazo de orixe industrial, completamente agochado á vista nunha paraxe única.

Tras o Pazo do Faramello, seguindo o Ulla río arriba dende Padrón, nun traxecto no que coñecerán as posibilidades deste emblemático río, visitarán o Pazo de Vista Alegre, no Concello de Vedra, onde haberá unha degustación gastronómica dalgúns dos produtos máis destacados da gastronomía de Área Santiago.

Tras a comida, visitarán o Pazo de Ribadulla, tamén no Concello de Vedra, onde se aproveitará para falar dos pazos da zona e dos seus xardíns históricos e artísticos, entre os que se atopa o Pazo de Oca, no Concello da Estrada. Tamén aquí se lles falará da importancia da Ruta da Camelia.

Posteriormente, trasladaranse ao Mosteiro de Carboeiro, no Concello de Silleda, onde se falará da importancia das ordes relixiosas nesta zona, do románico e das posibilidades que ofrecen os ríos que cruzan Área Santiago para o turismo.

Área Santiago está formada por: A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. Trátase dun grupo de traballo para potenciar conxuntamente o sector turístico na zona. Os concellos suman unha poboación de máis de 250.000 persoas.

7 de febreiro de 2014 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.