publicidade hoxe

Cotobade vai poñer en marcha unha explotación de arandos ecolóxicos cofinanciada con fondos FEDER

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Cotobade

Cores Tourís na visita a Cotobade

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cotobade para coñecer a explotación de arandos ecolóxicos que se vai instalar en Santa María de Sacos grazas grazas as axudas do IGAPE aos proxectos de investimento empresarial cofinanciados con fondos FEDER.

Nesta visita estivo acompañado polo alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, o xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, e presidente da Comunidade de Montes de Santa María de Sacos.

Cores Tourís puido así coñecer a explotación de Manuel Ángel Currás Oliveira, que se atopa en Santa María de Sacos cunha superficie de 4 hectáreas, cedidas pola comunidade de montes desta parroquia, iniciando a plantación en 1,5 hectáreas e nas que se investirán un total de 38.700 euros, agardando a obter unha produción de 18.000 quilos ao ano de arandos ecolóxicos.

Tal e como explicou o empresario a Cores Tourís, o obxectivo da subvención que recibiu por parte de Medio Rural e do Mar e que ascendeu a case 33.000 euros (32.822,28 euros) e permitiulle a compra de 5.600 plantas de distintas variedades de arandos así como de outros cultivos de froiteiras, comprándose tamén un grupo electróxeno e executouse o proxecto para a construción dun almacén. Ademais, tamén adquiriuse a fertilización e preparouse a terra co fresado e acondicionamento do mesmo. Instalarase unha balsa de 30 metros cúbicos e un sistema de rego por goteo.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, puxo esta iniciativa como exemplo dos novos emprendedores que apostan polo medio rural. Recordou que as subvencións as que se acolleu esta nova explotación teñen por obxectivo “fomentar a modernización e ampliación das instalacións agrogandeiras de Pontevedra e impulsar a incorporación de mozos ao medio rural”.

A Consellería do Medio Rural e do Mar vén de facer público fai uns días a través do Diario Oficial de Galicia a distribución de axudas por valor de máis de case 2,9 millóns de euros (2.850.000 euros) na provincia de Pontevedra para levar a cabo plans de mellora de explotacións agrarias e á incorporación de mozos á actividade agraria.

Así o destacou hoxe Cores Tourís, que indicou que con estas achegas “actúase de xeito importante na modernización das instalacións do sector agrícola”, promovendo deste xeito “o desenvolvemento da actividade económica no rural da provincia”.

Deste modo, dentro das axudas para a modernización das explotacións agrarias na provincia pontevedresa benefícianse 41 explotacións cunha achega total que rolda os 2 millóns de euros.

Por outra banda, no tocante ás axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria, as subvencións supoñen un investimento por parte da Administración autonómica de 850.000 euros, que se distribúen entre 39 mozos incorporados ao sector.

O delegado fixo fincapé “no importante esforzo e no compromiso do Executivo galego para promover a modernización do sector tanto no ámbito persoal como no referente a instalacións e loxística”.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra fixo tamén referencia ás novas axudas nestes eidos que acaba de facer pública a Consellería a través do DOG tanto para a modernización das explotacións agracias como para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo. “Animamos a todos os empresarios do agro e tamén aos novos emprendedores que aposten por este sector a que se animen a solicitar estas axudas”, rematou Cores Tourís.

21 de febreiro de 2014 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.