publicidade hoxe

Cores Tourís reúnese con emprendedores de Forcarei que apostan pola incorporación de mozos á actividade agraria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na reunión en Forcarei

Cores Tourís na reunión en Forcarei

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Forcarei para manter un encontro cos emprendedores que se viron beneficiados polas últimas axudas aprobadas pola Consellería de Medio Rural e do Mar de cara á mellora de explotacións e incorporación de mozos á actividade agraria.

Na visita estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Belén Cachafeiro, así como polo xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois.

Deste xeito, o delegado territorial mantivo un encontro cos propietarios de varias explotacións de aves de carne, de vacún e de leite, que recibiron un total de 187.192 euros en axudas tanto para a incorporación de mozos á actividade agraria como para plans de mellora nas súas granxas.

Os beneficiados foron Rafael Fiestras, José Manuel Acevedo, María José Neira, María Luisa Cachafeiro e os representantes da firma S.A.T. Terrablanca, quen durante a súa reunión con Cores Tourís, trasladáronlle as súas iniciativas para facer máis produtivas as súas explotacións. As axudas dirixíronse á execucións de muros de contención, mellora de instalacións eléctricas e de bombas de auga, instalacións de muxidos, cubricións de fosas e a construción de nave de polos.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, puxo estas explotacións como exemplo dos novos emprendedores que apostan polo medio rural. Recordou que as subvencións as que se acolleu estas firmas teñen por obxectivo “fomentar a modernización e ampliación das instalacións agrogandeiras de Pontevedra e impulsar a incorporación de mozos ao medio rural”

A Consellería do Medio Rural e do Mar vén de facer público hoxe a través do Diario Oficial de Galicia a distribución de axudas por valor de máis de case 2,9 millóns de euros (2.850.000 euros) na provincia de Pontevedra para levar a cabo plans de mellora de explotacións agrarias e á incorporación de mozos á actividade agraria.

Así o destacou hoxe Cores Tourís, que indicou que con estas achegas “actúase de xeito importante na modernización das instalacións do sector agrícola”, promovendo deste xeito “o desenvolvemento da actividade económica no rural da provincia”.

Deste modo, dentro das axudas para a modernización das explotacións agrarias na provincia pontevedresa benefícianse 41 explotacións cunha achega total que rolda os 2 millóns de euros.

Por outra banda, no tocante ás axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria, as subvencións supoñen un investimento por parte da Administración autonómica de 850.000 euros, que se distribúen entre 39 mozos incorporados ao sector.
O delegado fixo fincapé “no importante esforzo e no compromiso do Executivo galego para promover a modernización do sector tanto no ámbito persoal como no referente a instalacións e loxística”.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra fixo tamén referencia ás novas axudas nestes eidos que acaba de facer pública a Consellería a través do DOG tanto para a modernización das explotacións agracias como para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo. “Animamos a todos os empresarios do agro e tamén aos novos emprendedores que aposten por este sector a que se animen a solicitar estas axudas”, rematou Cores Tourís.

Parcelaria de Meavía-Quintillá

José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita a Forcarei para manter tamén unha reunión de traballo coa alcaldesa de cara a analizar o avance na tramitación da concentración parcelaria de Meavía-Quintillá que xa rematou a fase de alegacións.

Segundo trasladou o delegado territorial a Belén Cachafeiro, en total, recolléronse xa 112 alegacións, “das cales 68 foron aceptadas na súa totalidade, 27 parcialmente e 17 foron rexeitadas”, explicou o delegado territorial.

Recordou Cores Tourís que nesta parcelaria xa se investiron dende o inicio da concentración máis de 4,7 millóns de euros, destinados á execución da rede de camiños e a investimentos en servizos técnicos como a elaboración do proxecto de concentración, á redacción do acordo.

A concentración de Meavía-Quintillá afecta a unha superficie total de case 2.500 hectáreas na que se atopaban distribuídas 13.283 parcelas que pertencen a 704 propietarios. “Ao remate da concentración, o número de parcelas reducirase ata as 1.807, pasando a superficie media de cada unha de 1.590 metros cadrados a 12.005. Así, cada propietario pasará de ter unha media de 18,87 fincas a 2,56”, rematou Cores Tourís, quen recordou que o Diario Oficial de Galicia publicou a pasada semana o anuncio da Consellería do Medio Rural e do Mar da aprobación da fase de acordo da concentración parcelaria da zona de Meavía-Quintillán, no concello de Forcarei.

O acordo supón a determinación das fincas de reemprazo, os novos titulares, a superficie resultante da reorganización e a nova clasificación da terra. Con este anuncio, a Consellería pon en coñecemento dos veciños que se abre o prazo de 30 días hábiles de exposición pública do acordo. “De feito, os planos poderanse examinar a partir do día 26 deste mes”, explicou Cores Tourís, “tanto na casa consistorial de Forcarei como nas casas de cultura de Meavía e Quintillá”.

Os documentos a examinar refírense ás fincas de reemprazo, ás fichas de atribucións e ós planos da concentración. Contra o acordo, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, dentro do prazo de 30 días contados dende o seguinte á notificación a cada un dos propietarios.

20 de febreiro de 2014 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.