publicidade hoxe

Convocatoria do concurso de ideas para o proxecto de construcción do club náutico da Illa de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de A Illa de Arousa, Manuel Vázquez, asinaron hoxe un convenio, por valor de 22.000 €, para convocar un concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do edificio de usos náutico-deportivos de A Illa de Arousa. O concurso terá un primeiro premio de 12.000 € e dous accésits de 5.000 € cada un.

A finalidade do concurso será deseñar unha edificación que dea resposta ás necesidades que en materia náutico-deportiva ten o concello de a Illa de Arousa.

Deberá atender tanto ás necesidades das dúas entidades que en principio van facer uso del -o Club de Piragüismo e a Asociación de Dornas a Vela- como ao contorno específico no que se vai situar: a zona de O Bao, na mesma entrada de A Illa.

Rafael Louzán destacou que este convenio “é un paso máis para que, dunha vez, a Illa de Arousa poida contar cunhas instalacións náutico-deportivas dignas e que respondan ás necesidades de dous clubs de gran relevancia neste concello, como é o Club de Piragüismo e a Asociación de Dornas a Vela”.

O presidente da Deputación suliñou a firme vontade da institución provincial para axilizar ao máximo a construción deste centro de usos náuticos “pois cremos que é unha demanda histórica dos veciños e veciñas de A Illa”, dixo. Neste senso, lembrou que a Deputación xa ten consignados 500.000 euros nos orzamentos de 2014 para iniciar a execución dos traballos no menor tempo posible.

A necesidade da construción deste novo edificio deriva de que as actuais instalacións dos anteditos clubes están “totalmente obsoletas e nunha situación administrativa complicada, sen concesión de Costas do Estado”.

O alcalde e Louzán destacaron que se leva anos tratando de poñer solución a esta situación pero ata o de agora non foi posible, debido ás dificultades que se atoparon para dispoñer duns terreos coas condicións urbanísticas adecuadas.

Agora xa se dispón deses terreos, unha parcela de perto de 4.000 metros cadrados na praia do Bao, e é o momento de darlle o pulo definitivo aos traballos.

Os representantes dos citados clubes, presentes na sinatura do convenio, lembraron que o novo edificio permitirá non só a práctica do deporte náutico en condicións, senón tamén garantir a conservación dunha embarcación singular, e con fonda tradición nas Rías Baixas, como é a dorna.

6 de febreiro de 2014 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.