publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Continúan os traballos para recuperar o pavillón do IES de Foz despois dos danos provocados polo temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLugo
A-
A+
Arias na visita ao pavillón

Arias na visita ao pavillón

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe o IES de Foz para coñecer de primeira man o alcance dos danos causados no centro polo temporal e os traballos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo para reparalos á maior brevidade posible.

Arias explicou que a Consellería está a retirar elementos da cuberta que corren perigo de desprendemento, a través dunha empresa contratada para tal fin, dentro das medidas de seguridade adoptadas para evitar riscos á comunidade escolar.

Ao mesmo tempo, informou de que os danos da cuberta foron valorados en 15.000 euros e o orzamento de reparación da fachada e arranxo dos demais danos do edificio alcanzará os 25.000 euros aproximadamente. As obras de reposición da cuberta comezarán tan pronto chegue o material necesario, que xa está encargado. A delegada confía en que poidan iniciarse a vindeira semana.

Ata o momento, os técnicos da Consellería, xunto co persoal da empresa encargada, acometeron labores de retirada e limpeza de cascallo, á vez que aseguraron elementos perigosos, como as fiestras rotas pola caída das placas do teito. Igualmente, traballaron no pavillón para que evacúe toda a auga acumulada.

Cómpre lembrar que a cuberta do pavillón caeu sobre as zonas comúns e a fachada do centro o pasado martes, día 4, a causa do forte vento. Dende o primeiro momento desprazáronse ao instituto técnicos da Consellería de Educación para valorar os danos e indicar as primeiras medidas para evitar males maiores. Entre outras decisións, suspendéronse as clases onte para realizar as tarefas precisas que garantan a seguridade dos alumnos e do persoal.

Hoxe retomouse a actividade lectiva con normalidade pese a que persisten algunhas incidencias. Nesta primeira xornada, o instituto convocou un acto de lembranza para un dos seus alumnos, que segue desaparecido despois de ser arrastrado por una onda o pasado domingo pola tarde, tamén a causa do temporal.

A delegada territorial sumouse a este sentido acto co que a comunidade educativa quixo manifestar a súa solidariedade coa familia do menor desaparecido e arroupar ao outro neno, que xa se incorporou ás clases.

6 de febreiro de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.