publicidade hoxe

Conferencia sobre o patrimonio e imaxinario popular de San Martiño de Salcedo en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Patrimonio Histórico organiza este vernes, 21 de febreiro, unha nova conferencia do Ciclo Historia e memoria das parroquias, a partir das 20.00 horas no Local social de Cabanas-Sacledo, a cargo de Buenaventura Aparicio que falará sobre “Patrimonio e imaxinario popular de San Martiño de Salcedo” Buenaventura Aparicio, profesor de historia e doutor en antropoloxía cultural, coordina actualmente o Grupo de Investigación Arqueolóxica e Etnográfica “A Laxe da Irena” e ten participado en numerosos congresos nacionais e internacionais de Arqueoloxía e Antropoloxía Cultural. A súa actividade investigadora céntrase na tradición oral, na relixiosidade popular e nos aspectos simbólicos da arte rupestre.

San Martiño de Salcedo é unha parroquia “señorial”, como nolo recordan a monumentalidade da súa igrexa e o gran pazo de Gandarón. Antigo concello, o devir desta parroquia está vencellado con dúas personalidades sobranceiras: o arcebispo Sebastián Malvar y Pinto e don Daniel de la Sota Valdecilla, presidente da Deputación de Pontevedra. O seu patrimonio arqueolóxico, ademais de petróglifos, abrangue varios castros. O Monte da Sota, poboado moi romanizado, ven ser o piñeiral de Matalobos, espléndido miradoiro sobre a Ría que tanto emocionaba a Castelao e que este inmortalizou en “Meu Pontevedra”.

Outro castro, o Monte das Croas, focaliza –xunto coa Ponte do Batáno lendario da parroquia. Unha lenda, correctamente analizada –diseccionada, podiamos dicir- é como unha radiografía da sociedade tradicional. Cómpre, por conseguinte, estudiar con rigor e base documental –sen concesións ao folclorismo de corredoira- estas fontes orais, extraíndo delas os valiosos datos que conteñen, imprescindibles para afondar no coñecemento da mentalidade popular.

19 de febreiro de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.