publicidade hoxe

Catoira convértese no primeiro municipio español en integrarse no Itinerario Cultural Viquingo do Consello de Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraLocal Portada
A-
A+

O Concello de Catoira xa forma parte do Itinerario Cultural Viquingo do Consello de Europa. Esta incorporación permitirá ó Concello participar das actividades e iniciativas desta rede europea, así como promover Catoira como destino turístico. Desta ruta xa son membros trinta entidades de diferentes países nos que os viquingos deixaron a súa pegada, dende Reino Unido, Alemaña ou Dinamarca, ata Polonia, Turquía ou Rusia. Catoira convértese así no primeira entidade española en formar parte desta ruta cultural, a máis importante despois dos Camiños de Santiago.

Os Itinerarios Culturais pretenden crear un vínculo entre os cidadáns de Europa e o patrimonio cultural, descubrindo a riqueza plural do continente por rutas alternativas. Máis aló do obxectivo turístico, perséguese a cohesión social e o respecto ó medio ambiente.

A integración de Catoira no Itinerario Cultural Viquingo é froito das xestións e a participación do alcalde nos últimos meses en diversas xornadas convocadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

O programa xurdiu en 1987 cos Camiños de Santiago como primeiro itinerario, chegando desde entón a crearse unha rede de 29 itinerarios de diferente temática. Entre os séculos IX e XI, os viquingos, ademais de guerra e destrución, tamén deixaron un patrimonio artístico e arquitectónico moi rico, ademais de diferentes formas nas que en Europa se asimilou a súa influencia. A asociación Destination Viking, da que xa forma parte Catoira, e que xestiona o Itineario, mantén hoxe vivo ese legado e as variadas rutas que compoñen o Gran Itineario Cultural dos Viquingos e Normandos. Máis que unha ruta, aquí ofrécese ó viaxeiro un amplo abano de posibilidades para descubrir o inmenso aporte da cultura viquinga á identidade europea. Neste sentido, esta asociación traballa na organización de congresos, exposicións, edición de publicacións e outras actividades centradas na divulgación e o coñecemento do mundo viquingo, así como a difusión dos eventos (mercados, encontros, intercambios, festivais, etc) relacionados con esta temática que se organizan nos distintos países que integran o Itinerario.

A partir de agora, e co fin de dar visibilidade a este Itinerario, o Concello de Catoira utilizará o logotipo da Destination Viking Association e do Consello de Europa na documentación e sinalización.

8 de febreiro de 2014 | 11:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.