publicidade hoxe

As obras executadas na cuberta do ximnasio do CEIP Infesta de Pontecesures ascenderon a máis de 40.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontecesuresPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao centro

Cores Tourís na visita ao centro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CPI de Pontecesures para coñecer as melloras executadas na cuberta do ximnasio, nas que se investiron, dende a Administración autonómica, 40.745 euros.

Na visita estivo acompañado do tenente alcalde do municipio, Ángel Souto, así como do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares e o portavoz do PP na localidade, Juan Manuel Vidal.

As obras de reposición da cuberta do ximnasio do CPI Infesta de Pontecesures executáronse a finais do mes de decembro cumprindo así co compromiso adquirido pola Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra con este concello de cara a poñer fin aos problemas de goteiras que arrastra este espazo.

O ximnasio do CPI Infesta de Pontecesures ten unha antigüidade de 15 anos presentando problemas de filtracións que acabaron afectando ao chan, o que provocou que chegaran a producirse problemas para poder desenvolver as clases de ximnasia.

Tal e como recordou Cores Tourís, chegouse dende a Delegación Territorial a un acordo co concello de Pontecesures mediante o cal serían os operarios municipais os encargados de repoñelo chan para que as clases retornaran á normalidade, “o que ocorreu de xeito inmediato” e, a cambio, a administración autonómica se comprometeu a arranxar o tellado, o que se fixo “con celeridade aproveitando as vacacións do Nadal”.

O proxecto contemplou a reparación da cuberta con panel sándwich nervado así como a instalación de illamento e a colocación de baixantes de chapa de aceiro precalado e voladizos con perfís metálicos.

En total, neste centro educativo de Pontecesures, investíronse, dende 2009, 141.294 euros en diversas obras, como a mellora da rede de fontanería, a reparación da instalación eléctrica e da carpintería, a reforma do circuíto de calefacción e a reposición da cuberta do ximnasio.

20 de febreiro de 2014 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.