Apróbase o acordo de concentración parcelaria da zona de Meavía-Quintillán en Forcarei
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural e do Mar da aprobación da fase de acordo da concentración parcelaria da zona de Meavía-Quintillán, no concello de Forcarei.
O acordo supón a determinación das fincas de reemprazo, os novos titulares, a superficie resultante da reorganización e a nova clasificación da terra. Con este anuncio, a Consellería pon en coñecemento dos veciños que se abre o prazo de 30 días hábiles de exposición pública do acordo, que poderán examinar na Casa Consistorial e nos lugares de costume da zona.
Os documentos a examinar refírense ás fincas de reemprazo, ás fichas de atribucións e ós planos da concentración. Contra o acordo, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, dentro do prazo de 30 días contados dende o seguinte á notificación a cada un dos propietarios.
Reorganización
A concentración parcelaria de Meavía-Quintillán supón a reorganización de 13.283 parcelas pasando a contar con 1.807 fincas pertencentes a 704 propietarios. Lévanse investido dende o inicio da concentración máis de 4,7 millóns de euros, destinados á execución da rede de camiños e a investimentos en servizos técnicos como a elaboración do proxecto de concentración, á redacción do acordo, etc.