publicidade hoxe

Agustín Hernández asinou a orde de aprobación definitiva do PXOM de Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterrei
A-
A+
Hernández na visita a Monterrei

Hernández na visita a Monterrei

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Monterrei. Neste acto tamén estivo presente o alcalde, José Luís Suárez.

Agustín Hernández destacou que “hoxe é un día histórico para este concello da comarca de Verín, que por vez primeira dispón dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, que substitúe ás Normas Subsidiarias Provincias que rexían o planeamento desde 1989”. En definitiva, trátase dun traballo serio e rigoroso que marcará a folla de ruta do desenvolvemento deste concello nos vindeiros 12 anos. Monterrei convértese hoxe no vixésimo sexto concello da provincia de Ourense co planeamento adaptado á lei vixente e fai o número 73 a nivel galego.

Este planeamento é especialmente sensible coa realidade existente e permite manter o modelo deste concello. Hernández precisou que “trátase dunha terra fértil, de alta calidade, que permite obter os mellores froitos da horta, pero tamén do monte (importante produción de castaña), manter a cabana gandeira nos seus pastos e, por suposto, un prestixioso sector vitivinícola con Denominación de Orixe propia (D.O. Monterrei)”.

O novo PXOM destaca a contorna natural na que se sitúa Monterrei, con espazos estratéxicos que polo seu valor ambiental e ecolóxico atópanse baixo da Rede Natura ou cualificados como Lugar de Interese Comunitario (LIC), como é o caso do o LIC Río Támega, declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Así pois, preto do 98% da superficie do concello é solo rústico protexido.

Unha das principais vantaxes de contar cun PXOM é que permite dotar de seguridade xurídica ao concello, un importante beneficio para os 2.875 habitantes do concello.

O novo PXOM delimita 16 núcleos rurais, a maioría de tipoloxía histórico-tradicional, especialmente o núcleo histórico de Monterrei e a súa fortaleza para o que o plan define un Plan especial de protección e rehabilitación que garante a súa protección e revitalización.

Determínanse 2 núcleos urbanos: Albarellos e Vilaza, que constitúen os espazos máis dinámicos do municipio. Estímase unha capacidade residencial total de 2.691 vivendas no concello, das que 600 serían novas, na súa meirande parte en solo de núcleo rural..

O PXOM contempla, así mesmo, un desenvolvemento de uso industrial de 116.000 m2 ao carón da ampliación do Polígono de Pazos, un ámbito que se considera indispensable dada a carencia de solo industrial no concello.

Con respecto ás dotacións, o plan duplica a superficie esixida por lei para espazos libres e zonas verdes, con preto de 118.000 m2. Prevé, ademais, 16.000 m2 de equipamento comunitario, case tres veces máis do esixido por lei.

7 de febreiro de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.