publicidade hoxe

Abegondo abre o prazo de inscrición nos concursos de comparsas e sobremesas de Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

A gran festa do Entroido de Abegondo celebrarase na tarde do domingo 2 de marzo. Desde as 17.00 horas, o Concello converterá o pavillón polideportivo municipal no escenario de exaltación dos disfraces, as filloas e as orellas.

Os disfraces e a gastronomía serán os grandes protagonistas da tarde e os mellores levarán os suculentos premios dos concursos organizados.

As comparsas terán diferentes categorías:

· Infantís (até 12 anos)

· Xuvenís (até 18 anos)

· Adultos

As infantís terán un primeiro premio de 200 euros e un segundo premio de 120 euros; as xuvenís, de 250 e 150; e as de adultos, de 300 e 200 euros, respectivamente.

O concurso de disfraces diríxese aos adultos, que poden ir en parella, cun premio de 100 euros.

Na vertente gastronómica convócase un concurso de filloas, cun primeiro premio de 180 euros, un segundo de 120 euros e un terceiro de 80 euros. Outorgarase así mesmo un premio especial de gastronomía de Entroido de 100 euros, pensado para sobremesas como orellas, rosquillas ou bolos de vento.

O Concello de Abegondo informa que todos os asistentes que acudan disfrazados e estean previamente inscritos recibirán un obsequio adaptado á idade do participante. O prazo de inscrición xa está aberto e finalizará o 27 de febreiro.

19 de febreiro de 2014 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.