publicidade hoxe

A Mancomunidade aproba o desenvolvemento do “Programa territorio de emprego 2014-2015” para Cedeira, Narón e Valdoviño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCedeiraFerrolNarónValdoviño
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta tarde una nova sesión ordinaria da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ferrol, en que se deu luz verde ao desenvolvemento do “Programa Territorio de Emprego 2014-2015”. Esta iniciativa, subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e á que se adhire por segundo ano consecutivo o organismo supramunicipal, permitirá aos concellos de Cedeira, Narón e Valdoviño dispoñer dun técnico de inserción laboral.

O “Programa Territorio de Emprego 2014-2015” comezará coa selección dos usuarios/as que formarán parte do mesmo, e cun proceso de orientación laboral para a comprobación do perfil profesional, social e persoal de cada un dos demandantes de emprego. Posteriormente, se realizarán intermediacións laborais e visitas a empresas da comarca nas que se facilitarán os curriculums vitae dos participantes a aquelas que se adapten aos perfís dos demandantes. Neste punto, os participantes recibirán asesoramento no autoemprego e cursarán diferentes accións formativas acordes á demanda do mercado de traballo e as necesidades de formación detectadas.

Así mesmo, se realizarán cursos de curta duración e que son necesarios para cumprir requisitos demandados polas empresas como formación en hixiene alimentaria, prevención de riscos laborais, alfabetización dixital ou habilidades comunicativas e sociais. Os participantes tamén cursarán un obradoiro de mellora da empregabilidades por conta allea ou propia, un curso de informática e habilidades de comunicación e un de preparación de competencias clave de nivel II. Unha vez realizadas as accións formativas, os participantes levarán a cabo entre 120 e 140 horas de prácticas profesionais en empresas co obxectivo de que entren en contacto co mercado laboral. O programa integrado de emprego, que contará coa colaboración de técnicos da Mancomunidade e dos concellos de Narón, Cedeira e Valdoviño, mostra unha metodoloxía baseada no intercambio de información e experiencia máis o traballo en equipo. Así, esta prestación conxunta presenta unha mellor eficiencia e aforro, o que supón para a administración un aforro dun 60%.

Venda irregular de vehículos na vía pública

Por outra banda, no pleno da Mancomunidade abordouse a situación contra a venda irregular de vehículos na vía pública. Así, o organismo supramunicipal analizou as diferentes medidas legais dispoñibles para poder combater a venda ilegal de coches nas rúas así como a posibilidade de preparar unha ordenanza común para todos os concellos da Mancomunidade. Nesta liña e aproveitando a próxima aprobación da Ordenanza de Regulación de Estacionamento (ORE) do Concello de Ferrol e na que se inclúe esta cuestión, vaise remitir ao resto de concellos o artigo que contempla este extremo para o seu análise e posterior debate na próxima xunta ordinaria da mancomunidade.

17 de febreiro de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.