publicidade hoxe

A implantación do Plan de Emerxencias para as presas de Belesar e Os Peares recolle medios de alarma e a difusión entre os veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoO Saviñao
A-
A+
Raquel Arias durante a sesión de traballo

Raquel Arias durante a sesión de traballo

A delegada territorial, Raquel Arias, participou hoxe nunha sesión de traballo encamiñada á implantación dos plans de emerxencias para as presas de Belesar e Os Peares que a empresa Gas Natural Fenosa xestiona na zona.

Tras a xuntanza, a delegada subliñou que existe unha estreita colaboración entre a empresa e os servizos de emerxencia da Xunta, que “van ofrecer apoio técnico para a redacción dos plans de actuación municipais”, determinando os puntos de encontro en caso de evacuación ou informar “a todos os axentes implicados de como actuar de producirse un accidente”.

Os plans de emerxencia determinan as accións a adoptar no suposto de que se produza unha emerxencia derivada dunha incidencia nas presas de Belesar e dos Peares, que, en caso de incidencia, afectarían na provincia de Lugo a núcleos dos municipios do Saviñao, Pantón, Chantada e Carballedo.

A delegada territorial sinalou que “a poboación debe estar tranquila. Pero, aínda que o risco de que un situación así se produza é moi reducido, é precisa a implantación e difusión entre os habitantes destes plans de emerxencia para minimizar os efectos dun accidente chegado o caso”.

Nos vindeiros meses deseñarase a campaña de información aos veciños e veciñas sobre as medidas de autoprotección que deben adoptar no caso de que se active o plan de emerxencia. O obxectivo é comezar a informar ao longo do presente ano á poboación dos concellos indicados, dando conta das medidas necesarias a adoptar en caso de producirse rotura nalgunha das presas.

Na xuntanza de hoxe participaron tamén os alcaldes do Saviñao, Joaquín González; Pantón, José Luis Álvarez; Chantada, Manuel Vázquez; e Carballedo, Julio Yebra, ademáis de responsables da representantes da empresa Gas Natural Fenosa, da Subdelegación do Goberno en Lugo, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así como representantes dos servizos de Protección Civil e de Prevención e Análise de Riscos, ambos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

25 de febreiro de 2014 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.