publicidade hoxe

A empresa Alibós aposta pola internacionalización e a calidade poñendo en valor o rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonterroso
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a aposta da empresa monterrosina Alibós pola internacionalización, asentada na mellora constante, a innovación e a calidade.

Na súa visita á compañía, centrada na produción de castaña conxelada e outros produtos alimentarios como puré de castaña ou cogomelos, Conde subliñou que Alibós demostra como é posible desenvolver proxectos empresariais no medio rural creando riqueza e emprego e fixando poboación ao tempo que se achega valor engadido aos produtos da nosa terra e, con esta combinación, ser competitivos a nivel internacional.

Alibós, que vén de recibir o premio Aresa de Desenvolvemento Rural, exporta o 90% da súa produción aos principais mercados de Europa, América e Asia, con especial boa acollida en países como China e Xapón. No seu esforzo por innovar, a compañía está a participar xunto cun consorcio de empresas que recollen toda a cadea de valor da castaña no programa Innterconecta, impulsado pola Consellería de Economía e Industria xunto co CDTI. Este proxecto, que conta cun investimento de 1,5 millóns de euros, pretende recuperar as distintas variedades do castiñeiro en Galicia, mellorando así a calidade do froito.

Francisco Conde, que coñeceu de preto o sistema produtivo de Alibós, subliñou que a compañía é “un referente de éxito”, unha empresa consolidada en Galicia que debe servir de exemplo aos emprendedores, apuntando un camiño a seguir para a posta en marcha de proxectos sostibles e que poñen en valor o rural galego.

5 de febreiro de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.