publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra licita, por 1,7 millóns de euros, obras en 10 municipios

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, na súa Xunta de Goberno desta mañá, o expediente de contratación de 10 obras noutros tantos concellos da provincia, por un importe total próximo a 1,7 millóns de euros.

Os traballos céntranse na súa maior parte na mellora de estradas e de camiños rurais, na urbanización de espazos públicos e en obras de saneamento e afectan aos concellos de Marín, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Mos, Vilagarcía de Arousa, Fornelos de Montes, Salceda de Caselas, Dozón, Bueu e Redondela.

Comarca de Pontevedra

Na comarca de Pontevedra realizaranse obras de urbanización da rúa Almuíña, en Marín; reparación de camiños e construción de aparcadoiros en Campo Lameiro e instalación dunha EDAR en Ponte Caldelas.

O proxecto que se vai executar en Marín está orientado a crear maiores espazos para o peón. Con este obxectivo, crearase un espazo amplo para o tránsito peonil a carón da fachada urbana da rúa Almuíña, eliminando dela todos os obstáculos e colocando uns parterres vexetais que separen o tráfico rodado do peonil. Nestas áreas vexetais situaranse bancos de madeira e outro mobiliario urbano.

Ademais, substituirase o pavimento actual por outro de pedra, asentado sobre base de formigón e de diferente espesor segundo se trate do calzada destinada a tráfico rodado ou das áreas de uso peonil.

As obras completaranse con nova iluminación, coa dotación dunha nova rede de abastecemento de auga, ca construción dunha rede de saneamento que separe augas fecais de pluviais e coa canalización dos servizos de electricidade e comunicacións.

O orzamento dos traballos ascende a 372.000 euros.

No concello de Ponte Caldelas, a Deputación investirá 72.984 euros na construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) en Taboadelo, con capacidade para 250 habitantes.

Pola súa banda, as obras proxectadas no concello de Campo Lameiro inclúen a construción de dous aparcadoiros, un en Couso e outro en Muimenta, así como a mellora dos accesos neste último núcleo e no lugar de Reboredo, en Fragas.

Os traballos saen a licitación por un orzamento total de 102.669, 86 euros.

Comarca de Vigo

Na área de Vigo actuarase en Mos, Redondela, Fornelos de Montes e Salceda de Caselas, con obras que ascenden a un total de case 500.000 euros.

En Mos investiranse 243.519,11 euros nas obras de reafirmado de varios camiños nos núcleos de Guizán, Cela, Tameiga, Mos e Torroso. Trátase de pistas con firme de aglomerado que na actualidade presenta unha notable deterioración, polo que é preciso renovar a pavimentación.

Os camiños que está previsto pavimentar son o das Barreiras e de Rexomil, en Guizán; o de Arufe-Coutadiña, en Cela; de Pousada a Río, en Tameiga; do Barranco, en Mos; e de Ponte da Roma a Suaxeira, en Torroso.

En Redondela procederase á pavimentación da rúa do Campo de Fútbol, así como da Estrada de Zacande e o Camiño do Rego de San Pedro, o que supón actuar nunha lonxitude total de 1.592 metros de estrada. Tamén se procederá á limpeza de cunetas, marxes e noiros a ambos os dous lados.

As obras contan cun orzamento de 89.519,60 euros.

En Salceda de Caselas investiranse 70.693,34 euros nos traballos de regulación do tráfico no entronque da rúa Vigo coa Avenida de Galicia, mediante a construción dunha rotonda.

Finalmente, en Fornelos de Montes prevense actuacións de ancheamento e mellora da capa de rodaxe de varios camiños rurais, por un importe total de 80.938,08 euros. As obras realizarase nos núcleos de Estacas, A Laxe, Calvos e Fornelos.

Bueu, Dozón e Vilagarcía

En Bueu investiranse 156.125,43 euros nas obras de urbanización das rúas Alfonso Castelao e Canivelo, que na actualidade dispoñen de escaso espazo para peóns, fronte a un sobredimensionamento da calzada para o tráfico rodado.

Así, as obras suporán o levantamento dos pavimentos actuais, para incrementar o ancho das beirarrúas, reducindo o espazo destinado ao tráfico rodado e reordenando as áreas de estacionamento.

Dotarase tanto as beirarrúas como a calzada de novo pavimento e procederase á renovación das redes de abastecemento de auga, pluviais, telecomunicacións e alumeado.
En Dozón, saen a licitación obras contan por un importe de 71.998,46 euros e que consistirán na renovación do pavimento de varios camiños rurais nos núcleos de A Lama, A Gouxa, Vidueiros, Sanguiñedo e Pena de Francia.

Finalmente, en Vilagarcía investiranse 400.000 euros na mellora do parque de A Xunqueira.

Trátase dun dos principais espazos públicos do municipio, situado nunha zona moi céntrica, cunha superficie de 13.000 metros cadrados e cun notable uso por parte dos veciños e veciñas, así como dos visitantes.

A actuación que agora sae a licitación incluirá a substitución do actual pavimento do parque por outro de lousas de pedra granítica nos paseos centrais e de adoquín de formigón nos bordos; a construción de gradas no contorno da pista multiusos e parte dianteira do escenario; a instalación de farolas ao longo dos paseos, de forma que se reforce a iluminación actual; a eliminación dunha das tres pérgolas existentes na actualidade e que está en desuso (só ten a estrutura metálica pero carece de vexetación que a recubra) e a substitución da pérgola metálica en desuso da zona infantil por unha de madeira coa correspondente vexetación.

Tamén se substituirá o mobiliario urbano e dotarase de novas papeleiras, bancos e fontes.

14 de febreiro de 2014 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.