publicidade hoxe

A demolición voluntaria dunha edificación na Pastoriza evita sancións dun mínimo de 60.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PastorizaLocal Portada
A-
A+
Vivenda demolida

Vivenda demolida

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística vén de comprobar a demolición voluntaria dunha vivenda unifamiliar de madeira de uso residencial executada no Concello da Pastoriza o que evita a imposición ao interesado de sancións ou multas coercitivas por un valor mínimo de 60.000 euros.

Sobre esta edificación, ubicada no lugar de Estreito na parroquia de San Vicente de Reigosa, pesaba unha orde de demolición con data de setembro de 2013, como consecuencia da construción e da instalación dunha pequena caseta de madeira e dun invernadoiro, ademais da vivenda unifamiliar, executadas sen licenza e sen autorización autonómica en solo rústico.

Despois de que o interesado presentara a documentación na que se acredita que a demolición está realizada, os técnicos da APLU comprobaron a efectiva reposición dos terreos, o que evita a imposición de sancións ou multas coercitivas.

Dende a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sinálase que este tipo de actitudes demostran que cada vez máis a sociedade é consciente da necesidade de coidar e protexer o territorio galego fronte aos delitos urbanísticos, asumindo a parte de responsabilidade e de colaboración desta labor de protección que, cada vez máis, está presente na conciencia do galegos.

Ao mesmo tempo, avalan o obxectivo último da APLU, que non é o de derrubar, sancionar e recaudar, senón contribuír a ordenar e protexer o territorio galego, crear unha conciencia social de acatamento normativo e de respecto pola natureza e o coidado do medio.

En definitiva, a finalidade da APLU é velar polo uso racional do solo consonte ao que dispón a normativa reguladora do urbanismo e do litoral, especialmente no medio rural e na zona de servidume de protección do dominio público marítimo.

13 de febreiro de 2014 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.