publicidade hoxe

A delegada territorial na Coruña visita o peirao de Cariño para avaliar os danos polo temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCariño
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Cariño, onde analizou os danos producidos polo último temporal no municipio, que afectou fundamentalmente ao peirao.

Acompañada pola alcaldesa, Purificación Seixido, e polo patrón maior da confraría de pescadores, Juan Manuel Fachal, Do Campo comprobou os efectos das malas condicións do mar rexistradas nas últimas horas. A ondada e os fortes ventos provocaron a rotura duns 30 metros do dique do peirao, así como diversos destrozos en embarcacións, na vía de acceso á rada e nas instalacións da lonxa.

Con todo, a delegada territorial aclarou que os técnicos de Portos de Galicia seguirán a avaliar a situación nos vindeiros días, posto que ata o momento as condicións meteorolóxicas non permitiron outro tipo de análise máis que a inspección ocular. Unha vez finalicen estas labores, o ente público concretará as medidas necesarias para a retirada daqueles elementos afectados que poidan supoñer un risco para os usuarios do porto, a sinalización das zonas perigosas e o inicio das reparacións.
 

3 de febreiro de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.