publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A agrupación de Protección Civil de Portomarín intégrase no Servizo Galego de Emerxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaLugoLugoPortomarín
A-
A+
Raquel Arias xunto aos membros da Agrupación de Protección Civil de Portomarín

Raquel Arias xunto aos membros da Agrupación de Protección Civil de Portomarín

A delegada territorial subliñou o esforzo dos voluntarios para adquirir a formación necesaria participando nos cursos da Academia Galega de Seguridade Pública

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, aplaudiu o traballo realizado polos voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Portomarín, que dende hoxe se integran plenamente no Servizo Galego de Emerxencias que coordina a Xunta de Galicia a través do 112.

Arias lembrou que hai apenas dous anos que se formou esta agrupación, no 2012, “pero xa conta con recursos materiais e humanos suficientes para formar parte do 112 con dispoñibilidade as 24 horas”.

A delegada subliñou o apoio da Xunta ás agrupacións locais de Protección Civil e sinalou que estas “están “agora máis asistidas” grazas á posta en marcha de servizos profesionais de emerxencia na provincia mediante as redes de parques de bombeiros e dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), “pero seguen sendo igualmente necesarias”.

Neste caso concreto, incidiu no labor de protección do Camiño de Santiago e de coidado dos peregrinos que realizan os membros da agrupación de Portomarín, xa que como punto estratéxico do Camiño Francés, esta localidade acolle cada ano a miles de peregrinos da Ruta Xacobea.

Arias destacou o interese das persoas que forman a agrupación por acadar a formación necesaria, xa que tras superar o curso básico obrigatorio, participaron no de incendios urbanos e forestais e no de accidentes en estrada, e case a metade realizou tamén un curso de busca e salvamento en montañas e zonas illadas.

Todas estas actividades formativas están organizadas pola Axencia Galega de Seguridade Pública, que cada ano desenvolve na provincia unha completa programación de cursos dirixidos ás agrupacións de Protección Civil.

Entre outros medios, a agrupación conta cun vehículo todoterreo adquirido hai un ano grazas aos preto de 40.000 euros que lles achegou a Xunta de Galicia a través do Fondo de Compensación Ambiental.

No acto celebrado hoxe, co gallo da plena incorporación da agrupación ao 112, participaron tamén o alcalde de Portomarín, Juan Serrano; o xefe do Servizo de Emerxencias e Protección Civil da Consellería de Presidencia en Lugo, Daniel Díaz Fernández; o presidente da agrupación, José Evaristo Mato, e o resto da directiva, entre outros.

Coa incorporación da de Portomarín, son xa 35 as agrupacións locais de Protección Civil integradas no servizo do 112 na provincia de Lugo.

1 de febreiro de 2014 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.