publicidade hoxe

Sober editará unha guía xeral do municipio e folletos turísticos sobre o románico e os miradoiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explicou onte no Pleno ordinario que celebrou a Corporación que o turismo é “un pilar fundamental” para o equipo de Goberno, polo que “estamos a facer un esforzo importantísimo neste senso”, indicou. O rexedor anunciou que antes da primavera se ten previsto editar novos folletos turísticos, un específico do románico e unha guía xeral do municipio, así como un sobre os miradoiros.

Entre as medidas que o Goberno local está a levar a cabo no ámbito do turismo, Fernández Guitián citou as que seguen:

-Solicitude da declaración de Concello de Interese Turístico

-Mellora da sinaléctica dos recursos turísticos máis importantes

-Mellora da ruta de miradoiros do Concello e publicación dun folleto previsto para febreiro

-Edición dun folleto específico con todas as adegas amparadas pola D.O. Ribeira Sacra

-Traballos de mantemento da viña dos Chancís e busca de axuda doutras administracións para levar a cabo un proxecto para a súa posta en valor

-Mantemento do entorno dos Muíños do Xabrega

-Asistencia un ano máis á feira Xantar de Ourense

A Corporación aprobou por unanimidade a creación dun Consello Sectorial de Turismo, tal e como demandou a edil Paula Vázquez Verao. O Goberno local precisou que existe un compromiso firme de formar unha Comisión Municipal de Turismo ou Consello Sectorial de Turismo. Así, acordouse convocar unha reunión da xunta local de portavoces no mes de febreiro para perfilar a composición da comisión.

Outros temas

A Corporación aprobou unha ordenanza fiscal para a venda do material promocional da Feira do Viño de Amandi coa abstención do BNG. Tamén se lle deu o visto bo a unha ordenanza co prezo do xantar da festa dos avós, que se mantén. A votación contou coa abstención do PSOE e dos nacionalistas.

O PP rexeitou a moción do PSOE sobre a Lei do aborto tras presentar unha emenda que non foi aceptada. Tamén se rexeitou a iniciativa do PSOE sobre o plan de emprego específico para a provincia de Lugo. O Goberno local explicou que todas as accións de fomento de emprego da Xunta chegan a todos os concellos sen exclusión e xa existe un plan específico para Lugo en 2014. Fernández Guitián referiuse a un plan que discrimina positivamente á provincia cun investimento de máis de 50 millóns de euros.

O equipo de Goberno tamén rexeitou a proposta do BNG sobre a suba na tributación dos autónomos e pemes. O alcalde deu conta das rebaixas fiscais que se van aprobar en 2014 e destacou o feito de que haxa 100.000 parados menos que en 2013.

Venda de Viño de Amandi na Feira

En relación coa moción do BNG sobre a venda de viño da subzona de Amandi na Feira, o alcalde indicou que todos os anos se recomenda e se vela porque os postos ambulantes dispoñan de viño de Amandi e todos teñen estes caldos para a venda. Guitián aclarou que non existe ningunha posibilidade de lexislar a este respecto, aínda que se fará o posible para que nos postos ambulantes se venda viño de Amandi. Está previsto que nesta edición se instalen carteis nos postos para aconsellar aos comensais que pidan viño de Amandi.

31 de xaneiro de 2014 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.