publicidade hoxe

Sober acolle un proxecto que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de amor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSober
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á representación de I´ll be Watching You, un espectáculo pedagóxico, lúdico e musical que analiza os roles de xénero a través das cancións de amor e busca sensibilizar aos xoves ante condutas violentas.

O proxecto –que está dirixido a mozos e mozas de entre 14 e 23 anos- consiste na análise das cancións e produtos musicais que consumen os adolescentes, desde unha perspectiva de xénero. Para elo lévanse a cabo distintas actividades creativas e participativas co obxectivo de que, a través da diversión, a mocidade traballe e reforce o seu espírito crítico e sexa consciente da necesidade de actuar para previr situacións que poden desembocar na violencia de xénero.

O proxecto inclúe a análise dunha escolma de cancións coñecidas que falan das relacións de parella, do home e/ou da muller ideal, do ideal de home e de muller, do namoramento, da paixón, dos ideais románticos, dos celos, da posesión, da dependencia,…, entre outros.

Trátase de cancións que expresan a historia emocional dunha xeración, que evocan os inicios no mundo das relacións amorosas, que educan o comportamento afectivo e que, en moitas ocasións, están transmitindo valores que fomentan a desigualdade entre homes e mulleres e perpetúan os prexuízos sobre hábitos sexuais ou favorecen falsos ideais románticos.

A representación I´ll be Watching You (Hei estar vixiándote) enmárcase no acordo de colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta –a través da Secretaría Xeral da Igualdade- e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a posta en marcha de diversas actividades que teñen como obxectivo fomentar o rexeitamento social e institucional contra a violencia de xénero, sensibilizando á poboación e promovendo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.

O proxecto levarase a cabo en doce concellos de toda a Comunidade Autónoma, que forman parte todos eles da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha plataforma concibida para promover a prevención e a detección precoz de situacións de risco, estimular unha actitude comprometida e crítica da cidadanía fronte ao maltrato e xeneralizar a tolerancia cero contra as persoas agresoras.

21 de xaneiro de 2014 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.