publicidade hoxe

Os traballos de mellora do saneamento en varios lugares de Mazaricos contemplan un orzamento de 230.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaMazaricos
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Mazaricos, José Manuel Santos, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 230.101 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Nunha visita ao municipio, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia supervisou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que consistiron fundamentalmente na mellora da rede de saneamento en varios puntos do concello. Deste xeito, procedeuse á instalación de fosas compactas con filtros biolóxicos nos lugares de Cuíña, Manda, Atán e Espina, prolongáronse as canalizacións en Picaraña e Quintáns e instalouse unha planta depuradora prefabricada de formigón en Pino do Val.

Por outra banda, parte da subvención concedida polo departamento autonómico foi destinada a sufragar os gastos de funcionamento do punto limpo que dá servizo ao municipio, que se encontra localizado en Pino do Val.

Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que Mazaricos opta ás axudas en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico e estar afectado pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. O municipio suma en total 123,5 aeroxeradores dentro dos seus límites e dispón de 34.118 metros de liña de conexión.

Iniciativas de recuperación medioambiental

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, a delegada territorial destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.

13 de xaneiro de 2014 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.