publicidade hoxe

Os socialistas de Tordoia e Cerceda solicitan a posta en valor da senda verde entre Santiago e Cerceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaTordoia
A-
A+

Os grupos municipais socialistas de Tordoia e Cerceda súmanse á iniciativa dos seus compañeiros de Ordes, Oroso e Santiago para solicitar a posta en valor da senda verde que une a capital galega con Cerceda de 37 quilómetros de camiños de ferro abandonados polo ADIF. Así se acordou nunha reunión celebrada esta fin de semana en  Ordes e na que participaron Xesús Pedreira, secretario xeral do PSOE de Ordes; Antonio Leira, deputado provincial e secretario de Acción Electoral do PSOE de Oroso; Carlos García, voceiro municipal do PSOE de Tordoia; Begoña Rodríguez Rumbo, concelleira socialista de Cerceda; e María Bugallo, concelleira socialista de Santiago.

No encontro, Carlos García e Begoña Rodríguez comprometéronse a presentar nos seus respectivos plenos a mesma moción de apoio á senda verde que xa aprobaron os plenos municipais de Ordes, Oroso e Santiago. Así, a moción cercedense será debatida o vindeiro xoves 30 de xaneiro, mentres que a moción de Tordoia foi presentada hoxe para o seu debate no primeiro pleno que se celebre.

Cesión do ADIF

Unhas mocións nas que os socialistas esixiranlle ao ADIF que desafecte tanto os terreos polos que pasa a senda verde como os inmobles afectados, que terían unha utilización moi interesante para os veciños e veciñas da zona e que os respectivos Concellos se encargarían de poñer en valor. No caso de Tordoia, a decisión non implicaría cesión de ningún inmoble, xa que a senda verde atravesa apenas 3 quilómetros polo municipio. No caso de Cerceda, o tramo xa é de 11 quilómetros e afecta directamente á estación de Meirama, que actualmente o Concello de Cerceda rehabilitou para utilizar como sede do Museo da Mineiría.

Xesús Pedreira destaca a importancia que tería a habilitación da senda verde Santiago-Cerceda, pois “sería a primeira infraestrutura turística deste tipo en Galicia e suporía un estímulo económico e social para o territorio que percorre, promovendo entre a cidadanía o deporte e o lecer ao aire libre, a mobilidade ecolóxica e o benestar das persoas con problemas de mobilidade”. Neste sentido, Pedreira sinala que “todos os presentes coincidimos en que o proxecto debería ser acometido canto antes tanto xa que nestes intres o investimento non é moi grande, o firme é de momento moi recuperable. Pero se esperamos, a maleza o invadirá todo e a fará intransitable”. Ademais, no caso concreto de Ordes, a desafectación da antiga estación da Pontraga evitaría que o Concello de Ordes tivera que seguir pagando 900 euros ao mes polo seu aluguer.

 

20 de xaneiro de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.