publicidade hoxe

Os obradoiros de emprego da Rúa e O Barco de Valdeorras formarán a 42 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA RúaLocal PortadaO Barco de Valdeorras
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao obradoiro de emprego na Rúa

Beatriz Mato na visita ao obradoiro de emprego na Rúa

A Consellería de Traballo e Benestar está a investir 375.000 euros no desenvolvemento dos obradoiros de emprego ‘O Sil’ e ‘Laboran’ nos que se están a formar un total de 42 alumnos e alumnas.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, desprazouse hoxe ata A Rúa e o Barco de Valdeorras para visitar estes programas mixtos de formación e emprego. Nesta última localidade, Mato e Martínez tamén acudiron ao programa integrado de emprego ‘Aeva Emprego II’, que se está a realizar en colaboración coa Asociación Empresarial de Valdeorras.

En primeiro lugar, desprazáronse ata A Rúa, onde visitaron aos 20 participantes do obradoiro de emprego do Sil que se desenvolve en colaboración cos concellos da Rúa, Larouco, Petín e Vilamartín de Valdeorras. A esta iniciativa, Traballo está a destinar 175.000 euros. O programa céntrase na especialidade de xardinería o que está a posibilitar que os alumnos e alumnas estean a mellorar e acondicionar diversos parques e zonas verdes destas localidades.

No Barco de Valdeorras, a titular de Traballo acudiu ao obradoiro Laboran no que están a participar 22 alumnos e alumnas. Esta actuación, na que se está a investir 200.000 euros, estase a realizar en colaboración cos concellos do Barco, Rubiá e Carballeda de Valdeorras. Neste obradoiro impártense tres especialidades: xardinería, forxa e carpintería de ribeira. Deste xeito, este programa mixto está a permitir a mellora e o acondicionamento do Camiño de Inverno, a ruta xacobea que tradicionalmente usaban os peregrinos en inverno para evitar o cumio do Cebreiro cando este estaba nevado.

Con respecto aos obradoiros de emprego, Mato destacou as “numerosas vantaxes” que ofrecen este tipo de actuacións. Resaltou que “a máis importante” é que permite aos seus participantes acceder a un posto de traballo, ao tempo que ofrece unha formación “teórica e práctica de calidade”. Así mesmo, indicou que estas iniciativas levan aparelladas a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade. “Os obradoiros, ademais, son un exemplo de cooperación entre concellos, xa que agrupa os esforzos das distintas localidades sempre na procura da máxima eficacia e eficiencia dos investimentos públicos”, apuntou Mato.

Por iso, a titular de Traballo destacou que o Goberno galego seguirá a apoiar este tipo de iniciativas e, neste sentido, indicou que en Galicia hai en marcha na actualidade un total de 50 obradoiros de emprego, o que supón un investimento de máis de 9,5 millóns de euros. Destes programas estanse a beneficiar preto de 1.300 galegos e galegas. Na provincia de Ourense, os obradoiros en marcha son 11 con 274 alumnos e alumnas e un investimento de máis de 2 millóns de euros.

De cara a este ano, sinalou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) xa publicou a convocatoria de axudas que regulará estes programas que contarán cun orzamento de 10,2 millóns de euros co que se ten previsto poñer en marcha 50 novos obradoiros.

‘Aeva Emprego II’

Tras a visita aos obradoiros, a titular de Traballo visitou o programa integrado de emprego ‘Aeva Emprego II’ que se está a desenvolver no Barco de Valdeorras. Esta iniciativa do departamento autonómico, na que se está a investir 70.000 euros, oferta a 60 traballadores da comarca en situación de desemprego unha oportunidade para acadar a súa inserción laboral. Esta actuación dá continuidade ao AEVA Emprego I, que a Consellería desenvolveu entre 2011 e 2012,

A iniciativa, segundo explicou Mato, pretende crear un itinerario integral de inserción para as persoas desempregadas, combinando accións como a información, a orientación, o asesoramento, a formación, a práctica laboral ou a intermediación coas empresas. O obxectivo mínimo de inserción é do 50 por cento. En total, en Galicia están en marcha 30 programas integrados, tanto en colaboración cos concellos como con entidades, que contan cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Esta actuación está a beneficiar a preto de 2.200 beneficiarios.

Mato anunciou que estes programas reforzaranse este ano “de forma moi significativa”, xa que terán un orzamento de 5,4 millóns de euros, un 116 por cento máis que o ano pasado. “Este esforzo orzamentario permitirá alcanzar a cifra de 4.500 beneficiarios, máis do dobre dos que houbo en 2013”, concluíu a titular de Traballo.

29 de xaneiro de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.