publicidade hoxe

Os 19 concellos da área de Santiago buscan promocionaranse cunha web centrada en carreiros e pesca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA EstradaAmesArzúaBoqueixónBriónLalínLocal PortadaMelideO PinoOrosoPadrónPontevedraRoisSantiago de CompostelaSilledaTeoTouroVal do DubraVedraVila de Cruces
A-
A+
E.P.
Presentación da web

Presentación da web

A información acerca de carreiros e pesca fluvial, mercados e festas tradicionais e outro tipo de actividades tanto culturais como deportivas e de lecer está presente na páxina web www.areasantiago.es, coa que o grupo de 19 concellos desta comarca que comezou os seus traballos en marzo pasado pretende promocionarse como destino turístico.

A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces son os municipios –das provincias da Coruña e Pontevedra– que integran este colectivo, que basea o seu atractivo turístico nas concas fluviais dos ríos Ulla, Deza e Tambre.

A web, trilingüe –en español, galego e inglés–, ten un carácter “moi visual”, segundo destacan os seus responsables, e pon a disposición dos interesados os recursos das distintas zonas geolocalizados e con mapas.

Ademais dun menú temático, conta cun buscador por localidades e con navegación por etiquetas. Contén vídeos, sección de descargas de folletos e fotos, axenda cultural programada para publicar automaticamente en Twitter e a información turística clásica sobre monumentos, natureza, festas, zonas de autocaravanas, aldeas con encanto, camiños de Santiago e itinerarios.

A maiores, posibilita reservas on-line a través da central de reservas local e o grupo de traballo avanza en contacto coa Consellería de Medio Ambiente co obxectivo de incluír a opción de solicitude de permisos de pesca de maneira axilizada.

SERÁ PRESENTADA EN FITUR

A presentación da web tivo lugar este martes no Consistorio santiagués presidida polo alcalde da capital galega, Anxo Currás, e coa asistencia dos rexedores de Padrón, Rois, Silleda e Melide e os concelleiros de turismo de Compostela, Lalín, Padrón, Vedra e Vila de Cruces.

Na súa intervención, Currás resaltou que “a historia de Compostela non está só en Compostela”, polo que apostou por “sumar esforzos” en procura de “sinerxías” de modo que todos os participantes en ‘Área Santiago’, un proxecto turístico cun plan de acción a dous anos, poidan verse beneficiados.

A Feira Internacional de Turismo en España (Fitur) será o próximo escenario de lanzamento deste sitio web, segundo avanzou o primeiro edil compostelán.

Pola súa banda, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, avogou por “dar visibilidade e presenza on-line” a recursos “atractivos” da área de Santiago. O concelleiro de turismo de Lalín, José Antonio Rodríguez, asegurou que nos próximos meses a páxina será dotada de novos contidos, todos eles orientados a ofrecer unha información “útil” para os turistas.

Por último, a edila de turismo da capital galega, Reyes Leis, a preguntas dos medios, afirmou que o proxecto de ‘Área Santiago’ dispón de 60.000 euros de fondos propios á espera das distintas convocatorias de subvencións ás que poida acceder, da Xunta de Galicia e das dúas deputacións (A Coruña e Pontevedra).

14 de xaneiro de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.