publicidade hoxe

Ortigueira promocionará o Festival do Mundo Celta en FITUR 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira presentará a próxima semana en FITUR 2014 dúas dos seus principais apostas para situarse no mercado turístico neste ano, a saber, o Festival do Mundo Celta e a nova oferta de turismo mariñeiro que desenvolverán o conxunto de destinos da Asociación Vilas Mariñeiras. O alcalde Rafael Girón desprazarase a Madrid para participar o vindeiro xoves ambos os produtos turísticos.

Ortigueira será durante a tarde do 23 de xaneiro, unha das localidades protagonistas do programa de actividades do espazo institucional reservado por Turgalicia na principal feira. En horario de sobremesa, o alcalde Rafael Girón presentará a operadores nacionais e  internacionais e a medios de comunicación as bazas que pretende xogar Ortigueira durante o ano en curso para atraer a novos visitantes.

Un ano máis, e como non podería ser doutra maneira, o Festival do Mundo Celta, que terá lugar entre o 17 e o 20 de xullo, manterase, como o reclamo fundamental para captar turistas. Non en balde, a cita, declarada Festa de interese turístico Internacional desde 2005, atrae anualmente a miles de persoas (50.000 na pasada edición).

Horas antes, e na caseta de Cantabria, o rexedor tomará parte tamén na presentación do proxecto de “Turismo Mariñeiro” que a Asociación Vilas Mariñeiras, da que Ortigueira forma parte xunto a outro nove localidades costeiras de Galicia, Asturias e Cantabria, pretende activar neste 2014, pondo en valor os múltiples recursos ligados ao mar e á natureza inventariados durante os últimos meses de en cada un dos destinos asociados.

A axenda de traballo do alcalde na capital de España pecharase coa participación na asemblea xeral das Vilas Mariñeiras que, como vén sendo habitual, celebrarase coincidindo co foro turístico.

16 de xaneiro de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.