publicidade hoxe

O proxecto de eficiencia enerxética de Antas de Ulla, Portomarín e Taboada acada un aforro do 80%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAntas de UllaLocal PortadaLugoPortomarínTaboada
A-
A+
Francisco Conde na visita a Portomarín

Francisco Conde na visita a Portomarín

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou a necesidade de promover accións de aforro e eficiencia enerxética nos municipios galegos, que supoñen importantes aforros no custo da factura facilitando o impulso doutros proxectos que contribúen á mellora da calidade de vida dos cidadáns. Neste sentido, nunha visita ao concello de Portomarín na que estivo acompañado pola delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, Conde subliñou a importancia do programa de Iluminación Pública promovido polo Inega, que permitiu o ano pasado impulsar distintos proxectos de cooperación municipal entre os que se atopa o desenvolvido en Portomarín, Taboada e Antas de Ulla, que teñen permitido acadar aforros do 80% na factura eléctrica das zonas beneficiadas.

Neste sentido, a actuación suporá un aforro na factura eléctrica anual da agrupación de case 40.000 euros nas rúas beneficiadas, e un aforro enerxético de arredor de 185.000 KWh/ano. Deste xeito, como resaltou o conselleiro, impúlsase ao cooperación municipal ao tempo que “se contribúe ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dunha localidade”.

O titular de Economía e Industria, que estivo acompañado na súa visita polos alcaldes de Portomarín, Taboada e Antas de Ulla, salientou a importancia deste proxecto de colaboración que ten permitido “mellorar a eficiencia enerxética das tres vilas” contribuíndo a diminución dos custos na súa factura eléctrica.

A través deste programa, o Goberno galego leva mobilizados 2,5 millóns de euros na provincia de Lugo nos últimos cinco anos, promovendo así medidas de aforro e eficiencia enerxética en 35 concellos lugueses. Cifras que aspiran a mellorarse coa convocatoria deste ano, que incrementa o seu orzamento nun 15% ata chegar aos 4,5 millóns.

Para acadar este obxectivo, o programa conta cunha contía máxima da axuda do 70% do investimento, incentivando unha vez máis os proxectos desenvolvidos por agrupacións ou fusións de concellos, que dispoñen dunha valoración un 30% superior, incrementándose tamén nun 15% a contía da axuda con respecto ao que lle correspondería a cada municipio de xeito individual.

Neste sentido, Conde avogou por seguir promovendo a cooperación municipal a través dun programa que mostra unha especial sensibilidade cos concellos por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

28 de xaneiro de 2014 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.