publicidade hoxe

O Fondo de compensación ambiental destina 67.000 euros aos concellos de Fene e Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabanasFeneLocal Portada
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, asinou hoxe cos alcaldes de Fene, Gumersindo Galego, e de Cabanas, Germán Castrillón, a acta de conformidade para a concesión dunha achega de 66.766 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Con estes fondos, os dous concellos levaron a cabo actuacións para mellorar a eficiencia enerxética en parte do alumeado público do seu territorio que consistiron na unificación de cadros de mando, na implantación de lámpadas máis eficientes eléctrica e lumínicamente e na retirada e tratamento das máis contaminantes, así como na instalación de reloxos astronómicos para axustar as horas de funcionamento. O importe da subvención acada o 70% do orzamento total do proxecto.

Ambos os municipios beneficiáronse destas achegas grazas á proposta conxunta que presentaran para optar ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental a través da liña competitiva, que na provincia da Coruña subvencionou en 2013 ata 15 proxectos, cun importe total de 461.566 euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, apuntou.

22 de xaneiro de 2014 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.