publicidade hoxe

O delegado da Xunta en Pontevedra coñece as deficiencias no servizo eléctrico na comarca de Caldas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMorañaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Moraña co obxectivo de comprobar as melloras realizadas para solucionar as deficiencias detectadas por Fenosa en relación ao subministro de enerxía eléctrica na comarca de Caldas recollendo tamén a demanda da alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, en relación aos problemas atopados na parroquia de Fontaíña.

Durante esta visita estivo acompañado polo o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

De feito, segundo informou Cores Tourís, no último ano realizáronse 10 actuacións por parte de Unión Fenosa Distribución para solucionar deficiencias na calidade do subministro eléctrico na comarca de Caldas de Reis.

Tal e como engadiu o delegado territorial, o investimento total de Fenosa para corrixir estas deficiencias foi de algo máis de 450.000 euros. “Nesta comarca temos que especificar que foi o concello de Caldas de Reis o que tivo maior número de actuacións seguido por Moraña, Portas e Valga”.

Deste xeito, instaláronse condensadores na subestación de Tibo en Caldas, mellorouse a liña de media tensión de Veiga, a rede de baixa tensión de Covelo, o centro de transformación de Herreria e a liña de media tensión de Capela en Caldas, así como a de Parada en Portas e Gándara en Valga, entre outras obras.

Deficiencias en San Pedro de Rebón

A alcaldesa de Moraña e o delegado territorial aproveitaron o encontro para analizar a solicitude do concello da mellora do subministro eléctrico en San Pedro de Rebón, na parroquia de Fontaíña. “Os veciños reclamaron en moitas ocasións”, explicou Piñeiro, “a mellora deste servizo, xa que o subministro é moi deficiente e a situación afecta a máis de 80 veciños”.

O proxecto de mellora, segundo apuntou Cores Tourís, xa está en marcha e o seu orzamento roldará os 67.000 euros, segundo avanzou Fenosa, “o que supón unha boa nova para os veciños deste lugar, sen dúbida”.

A maiores, a rexedora tamén se interesou ante Cores Tourís pola autorización do parque eólico Acibal, o primeiro autorizado en Galicia ao amparo do concurso eólico resolto en decembro de 2010. Catro dos seus aeroxeneradores atópanse situados en Moraña cunha potencia de 12 MW. O parque contou cun investimento que superou os 15,4 millóns de euros.

“Desde a Delegación Territorial mantense o obxectivo de corrixir as deficiencias de subministro eléctrico na provincia de Pontevedra. Esta é a razón pola que mantemos un marco de colaboración coas distintas empresas distribuidoras que operan na provincia para atender ás reclamacións que os veciños presentan ante a xefatura territorial de Economía e Industria”, engadiu o delegado territorial.

Segundo explicou Cores Tourís, as reclamacións que chegan á Xefatura Territorial de Economía e Industria de Pontevedra por parte dos veciños e concellos son trasladadas á empresa distribuidora que realiza as medicións pertinentes durante un mes para comprobar a calidade de subministro. “En función do análise destas medicións a empresa distribuidora presenta unha solución en baixa ou alta tensión ante a xefatura territorial para a súa autorización”, explicou pola súa banda Ignacio Rial, quen rematou matizando que “unha vez finalizada a instalación, vólvense a facer medicións para comprobar que a solución foi axeitada”.

30 de xaneiro de 2014 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.