publicidade hoxe

O Concello de Vilar de Santos acomete labores de mellora na accesibilidade do centro de atención a maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilar de Santos
A-
A+

O Concello de Vilar de Santos asinou un convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a eliminación de barreiras arquitectónicas e melloras na accesibilidade no Centro de Atención de Persoas Maiores de Vilar de Santos.

Despois destes anos de funcionamento detectáronse unha serie de deficiencias de accesibilidade ao Centro que cumpría subsanar co obxectivo de adecuar as instalacións ao perfil dos usuarios. O Proxecto de accesibilidade foi redactado pola Oficina Municipal de Rehabilitación cun investimento total de 12.000 euros. A primeira fase das obras rematou e consistiron na colocación de varandas na rampa do acceso principal, eliminación de  descontinuidades nos pavimentos e pequenos chanzos, nivelación e rampa no acceso de servizos e colocación dun voadizo no acceso principal para que o transporte adaptado deixe aos usuarios a cuberto para acceder ao Centro. As actuacións continuarán cunha segunda fase ó longo do ano.

Hai que recordar que co envellecemento progresivo da poboación nos últimos anos e a aparición de novas necesidades e servizos,  o Concello puxo en marcha xa no ano 2008 o Centro de Atención de Persoas Maiores e asinou un convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a súa xestión con data do 4 de xuño de 2008, co obxectivo prioritario de atención ás persoas maiores no seu entorno, en contacto cos seus veciños facilitando o seu desenvolvemento e promocionando a igualdade social.

Trátase dun Centro polivalente que combina nun mesmo edificio as posibilidades dun centro de día cunha zona residencial de vivenda comunitaria con espazos comúns complementarios e todo tipo de servizos integrados e actividades cunha atención especializada e de calidade. Na actualidade atendemos a 18 persoas no Centro de Día e 6 máis na zona residencial da vivenda comunitaria.

Estas obras de eliminación de barreiras arquitectónicas e accesibilidade no Centro de Atención de Persoas Maiores súmanse a outras actuacións levadas a cabo nestes anos de funcionamento para seguir modernizando e adecuando as instalacións e ampliando os servizos. Enmárcanse no Plan de Igualdade e Benestar posto en marcha polo Concello. Un plan estratéxico de mellora continua que se ven aplicando nos últimos anos e co que modernizamos e configuramos os servizos sociais comunitarios como un servizo público esencial, coa adopción de medidas, programas e actividades desde unha concepción global, transformadora e integradora de toda a poboación. Un instrumento fundamental no avance do benestar e da calidade de vida e da integración e cohesión social de todos os veciños e veciñas.

14 de xaneiro de 2014 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.