publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Concello de Piñor inicia a VI Escola de Familia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPiñor
A-
A+

O vindeiro 30 de xaneiro, o Concello de Piñor pon en marcha a VI Escola de Familia, a escola de pais e nais municipal. Por sexto ano consecutivo e sendo conscientes das dificultades para educar ós cativos na actualidade, ofrécese de novo esta iniciativa que pretende formar ós participantes en temas de especial actualidade, para saber como enfocalos e afrontar as dificultades educativas na vida cotiá, ou no futuro próximo. De feito, é un programa formativo destinado non soamente a pais e nais, senón a toda persoa interesada, que teña baixo o seu coidado a menores (avós, tíos, familias acolledoras…) ou que teña previsto ter fillos/as, co cal, podemos dicir que é unha iniciativa aberta a tódolos colectivos da poboación.

A Escola de Familia xurdiu neste concello no ano 2008, como unha ferramenta máis de axuda ás familias, tratando temas de suma importancia como: prevención do consumo de drogas, acoso escolar, técnicas de modificación de conduta, a comunicación na familia, o fracaso escolar, afrontamento do cancro dende a familia, prevención da violencia de xénero e coeducación, etc.  Neste eido, este municipio conta con diversos servizos destinados ó ámbito da infancia e familia:

-Programa de Educación Familiar: cóntase cunha educadora familiar (psicóloga) dende o ano 2006 para intervir con familias en situación de risco social e brindando apoio socioeducativo xeral. Dende o ano 2011 carécese de financiamento por parte da Administración Autonómica, asumindo o 100% do custe.

-Servizo de Atención Psicolóxica: a psicóloga do municipio ofrece apoio psicolóxico e intervención psicoeducativa. Trátase dun servizo de iniciativa municipal, para mellorar a calidade de vida da poboación.

-Programa Familias Tardías: programa de conciliación da vida familiar e laboral. Unha profesora atende diariamente a un grupo de nenos e nenas tralo horario escolar, para que realicen as súas tarefas mentres os seus pais e nais traballan.

-Actividades lúdico-educativas: en tódolos períodos vacacionais dos cativos dende o Concello de Piñor realízanse actividades diarias, priorizando as temáticas sociais e educativas (educación en valores, medioambiente, reforzo escolar…). Destacar a elaboración dun calendario en prol dos valores durante o Nadal, a redacción do Xornal Piñor Times durante o verán e a Escola de Teatro do Verán (cunha obra enfocada a promover algún tipo de valor).

-Axudas para as familias: reparto de alimentos e xoguetes a familias sen recursos, axudas en materia de infancia para cubrir o custe de gardería/PAI e do material escolar de Educación Infantil…

Na VI Escola de Familia, durante un total de seis sesións, trataranse varias temáticas coa colaboración de diferentes profesionais, pero ademais ofrecerase apoio educativo individualizado por parte da psicóloga municipal a tódolos participantes. Deste xeito, non estamos a falar dunha actividade formativa xeral, senón que tódolos participantes contarán coa atención profesional precisa para poder abordar as súas problemáticas persoais durante o proceso educativo dos seus fillos e fillas.

Para esta sexta edición contarase con profesionais da Comandancia da Garda Civil de Ourense, a asociación APES e o Centro Quérote + de Ourense, así como coa educadora familiar e psicóloga municipal, creando un programa formativo amplio e dinámico. 

As sesións serán o último xoves de cada mes, en horario de 18h a 20h no Centro Social, dende o mes de xaneiro a xuño, entregándose un certificado de asistencia a tódolos participantes na sesión clausura.

Toda persoa interesada pode inscribirse dirixíndose a Servizos Sociais.

Finalmente, recordar que a inauguración da VI Escola de Familia será o xoves 30 de xaneiro co desenvolvemento da primeira sesión, que versará sobre os perigos das redes sociais e de internet para os cativos e estafas para a poboación xeral. En dito acto procederase á presentación oficial do II Calendario dos cativos de Piñor por un Mundo Mellor, elaborado por nenos e nenas do concello durante as actividades municipais do Nadal, e que está formado por debuxos creados polos propios cativos acompañados de frases positivas que animen á poboación nestes tempos tan difíciles, recordándolles que os valores humanos son o máis importante e que todo problema ten solución. Toda persoa que asista a esta primeira sesión da Escola de Familia recibirá un exemplar deste calendario de balde.

29 de xaneiro de 2014 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.