publicidade hoxe

O Concello de Ortigueira esgota os 300.000 euros destinados a axudas á creación de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira esgotou a partida de 300.000 euros creada o pasado ano por iniciativa do alcalde Rafael Girón, para apoiar a creación de emprego, a través do asentamento de novas empresas no polígono industrial de Cuiña. A liña de axudas municipal permitiu a instalación na localidade de tres novos proxectos empresariais na zona e propiciou a creación de 30 postos de traballo no municipio por un período mínimo de cinco anos.

A alcaldía, segundo publica o BOP da Coruña de hoxe, aprobou, unha vez valorada na correspondente comisión, conceder as axudas á creación de emprego no polígono, ao tres asinas que presentaron solicitudes en tempo e forma.

A subvención de maior volume corresponde ao aseguradora Eixo Atlántico 3000 SL (un importe de 250.000euros coa finalidade de crear 25 postos de traballo a tempo completo), a segunda peticionaria foi Conservas Mar de Ardora SL (30.000 euros para subvencionar a traballadores a tempo completo) e, finalmente, beneficiouse a planta dosificadora de formigón Oysor (20.000 euros para 2 postos de traballo a tempo completo).

Cabe lembrar que, en virtude desta liña de subvención, podíanse beneficiar de axudas de 10.000 euros por posto de traballo creado e cuberto todas aquelas empresas que iniciaron durante o pasado ano a súa actividade no polígono industrial de Cuiña. Evidentemente as firmas beneficiadas teñen que garantir o mantemento da actividade e os empregos por un período mínimo de cinco anos e, en caso de incumprimento das bases, terán que devolver a axuda concedida.

Desde o goberno local detallan que o fin do crédito reservado a este fin (eses 300.000 euros) impediu subvencionar un posto de traballo máis incluído na última das solicitudes chegada ao consistorio (a de Oysor SL). Así as cousas, cabe concluír que se cumpriron plenamente os obxectivos do programa. Tal e como apunta Girón, «conseguimos captar novos proxecto empresariais e axudamos a crear 30 novos postos de traballo en Ortigueira”.

Lembra o rexedor que o impulso do emprego foi unha dos compromisos electorais claves  e que constitúe o eixo central da súa acción de goberno. Neste sentido, e en plena elaboración dos orzamentos 2014, avanza a intención de seguir impulsando propostas para colaborar de forma activa na xeración de emprego, a través do apoio a novos negocios.

13 de xaneiro de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.