publicidade hoxe

O Concello de Castro Caldelas será o convidado especial da XXXIV Feira do Viño de Amandi

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro CaldelasLocal PortadaSober
A-
A+

O Concello de Sober celebrou onte a primeira reunión preparatoria para a XXXIV Feira do Viño de Amandi de 2014 na que se decidiu que o convidado especial desta edición será o Concello veciño de Castro Caldelas. A Feira celebrarase coincidindo co sábado e domingo de Ramos, os días 12 e 13 de abril.

No encontro, no que participaron preto de 20 adegueiros de Sober amparados pola D.O. Ribeira Sacra, decidiuse organizar por terceiro ano consecutivo o Mes do Amandi, coa preparación de actividades semanais entre o 15 de marzo e o 12 de abril.

En concreto, ao longo dese mes haberá xornadas de maridaxe de Amandi con produtos de D.O. galegos, catas comentadas ou ofertas de viños de Amandi en restaurantes e bares de toda a Ribeira Sacra asociados a APEHL.

A inauguración da Feira do Viño de Amandi será o sábado 12 de abril a cargo da Adega O Canceliño de Figueiroa en lembranza do seu fundador Florencio Rodríguez, falecido recentemente. A inscrición das adegas para participar na feira poderase facer ata o 15 de febreiro.

Presenza na mostra Xantar de Ourense

O Concello de Sober contará un ano máis cun stand promocional na Mostra Xantar en ExpoOurense, entre os días 5 e 9 de febreiro. O domingo día 9 estará dedicado ao Concello de Sober. O público poderá participar ao mediodía dunha degustación de viño de Amandi e Galo de Corral por cortesía dos Concellos de Sober e Vila de Cruces.

22 de xaneiro de 2014 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.