publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Centro de Interpretación do Río Sor en Mañón percibirá 109.000 euros para o seu acondicionamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaMañón
A-
A+
Sinatura do convenio colaborador

Sinatura do convenio colaborador

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Mañón, Alfonso Balseiro, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 109.034 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Nun encontro de traballo co rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que consistiron na reforma da primeira planta da antiga escola unitaria do núcleo de Barreiras co fin de acondicionala como centro de interpretación medioambiental do río Sor, que discurre polo municipio. O inmoble xa fora rehabilitado de xeito integral en anteriores exercicios a través deste mesmo programa.

Once municipios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal beneficiados

Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que once concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal (A Capela, As Pontes, As Somozas, Cariño, Cedeira, Mañón, Monfero, Narón, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman 616 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que sete deles dispoñen de máis de 80.000 metros de liñas de conexión. En total, recibirán algo máis dun millón de euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.
8 de xaneiro de 2014 | 12:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.