publicidade hoxe

Norvento produce aeroxeradores de minieólica NED 100 cuxa primeira unidade será instalada en Reino Unido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilalba
A-
A+
Conde na visita a Norvento

Conde na visita a Norvento

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe durante a súa visita ás instalacións de Norvento o papel que está a desempeñar a empresa lucense no desenvolvemento da industria eólica galega. Un traballo que, segundo sinalou, se reflicte en distintos proxectos como o arexerador NED 100. “Norvento está a exportar tecnoloxía innovadora 100% galega converténdose nun referente no sector das enerxías renovables, innovando tanto na produción de tecnoloxía como na produción de enerxía a través de diversas fontes como a biomasa, a eólica, a solar ou a xeotérmica”, explicou Conde, quen apuntou que nos vindeiros días instalarase o primeiro NED 100 nunha granxa do Reino Unido.  

O titular de Economía e Industria, que foi recibido polo presidente de Norvento, Pablo Castro, visitou primeiro a planta na que a empresa está a desenvolver estes aeroxeradores, ubicada en Vilalba, e despois coñeceu de preto os dous aeroxeradores situados en Cervo. A planta de Vilalba é un dos plans industrias do concurso eólico nos que Norvento leva investidos, en total, preto de 20 millóns de euros creando 150 postos de traballo.

Durante a visita, na que estivo acompañado pola delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, e polos alcaldes de Vilalba e Cervo, o conselleiro resaltou que grazas a súa aposta pola innovación Norvento tense convertido nun referente do sector eólico. Unha aposta que se pon tamén de manifesto noutro tipo de actuacións como o proxecto Lignum, que conta co apoio da Xunta a través do programa Innterconecta e que permite afondar na creación dun aeroxenerador cun mellor comportamento e maior respecto ambiental.

“Norvento é un claro exemplo da aposta polo sector eólico galego, tanto en produción de tecnoloxía como de enerxía”, incidiu Conde, quen destacou que se trata dun esforzo compartido co Goberno galego que está articulando as medidas necesarias para recuperar o liderado do sector.

Neste sentido, o conselleiro avanzou que “nos próximos días outorgaranse as primeiras autorizacións de parques do concurso eólico galego”. Ditas autorizacións, explicou Conde, supoñen un novo paso no conxunto de actuacións que a Xunta está a promover en colaboración co sector e que se centran en vantaxe fiscais, financeiras, técnicas e administrativas.

Así, no caso de parques xa en funcionamento, estase a impulsar a repotenciación dos aeroxeradores máis antigos ao tempo que se axilizan os trámites administrativos para levar a cabo ditas modificacións. Ademais, flexibilízanse as exixencias dos avais para a execución dos novos proxectos, facilítase o desestimento total ou parcial de megavatios sempre que non se alteren os resultados do concurso, e, no eido fiscal, rebáixase o ITP (Imposto de Transmisións Patrimoniais), con carácter xeral, para todas as enerxías renovables.

Deste xeito, apuntou o titular de Economía e Industria, a Xunta está a traballar co conxunto do sector no desenvolvemento dunha política enerxética competitiva, sostible e de maior independencia.   

 

 

21 de xaneiro de 2014 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.